O Concello de Lugo reforza o dispositivo de limpeza para o San Froilán

O Concello de Lugo puxo en marcha un amplo operativo de limpeza para as festas patronais do San Froilán, que contará cun equipo de máis de 40 operarios e 17 vehículos especiais. O dispositivo, coordinado pola área de Medio Ambiente, funcionará en quendas durante toda a xornada a partir das seis da mañá para asegurar que rúas e prazas permanezan en bo estado durante os días grandes da cidade.
O plan contempla operativos específicos para o centro histórico, o recinto feiral, as zonas de concertos e o Parque Rosalía, así como o reforzo de contedores, a eliminación de graffitis e a limpeza de reixas e sumidoiros. Nos días de maior afluencia, como o 5, 6, 12 e 13 de outubro, intensificarase a cobertura con maquinaria como varredoras, camións cisterna, equipos satélite e hidrolimpadoras eléctricas.
Tamén haberá equipos de furgóns eléctricos con persoal dotado de sopladoras para intervir en espazos como a Mosqueira, a Praza Maior, Campo Castelo ou a Milagrosa, ademais dun dispositivo específico para a recollida de residuos en zonas de botellón. Outro equipo de cinco operarios reforzará o varrido manual nas áreas con maior concentración de público.
O operativo aposta polo uso de vehículos e equipos eléctricos para reducir tanto a contaminación acústica como ambiental, especialmente en eventos como o desfile de gando ou os pasarrúas polos barrios. Os residuos recollidos nos triciclos e vehículos auxiliares serán depositados nos contedores instalados pola cidade, que se reforzarán con unidades adicionais, incluíndo as destinadas ao vidro.
Segundo explican desde o Concello, os traballos arrancarán cada día ás 06.00 horas no centro e na zona de concertos, e continuarán en quendas de mañá e tarde co baleirado permanente de papeleiras e a recollida intensiva de residuos. Este plan especial manterase ata o final das festas para garantir unha imaxe de cidade limpa e preparada para recibir á veciñanza e aos visitantes.
O alcalde, Miguel Fernández, subliñou o “esforzo importante do servizo de limpeza para que tanto a veciñanza como as persoas visitantes gocen do San Froilán ao tempo que atopan unha cidade coidada e limpa”. O rexedor destacou tamén que xa se realizaron traballos previos a cargo da empresa concesionaria, Luce Lugo, con accións de roza, baldeo e fregado nas zonas que acollerán concertos, feiras, casetas de polbo e atraccións.