O Concello de Lugo reforza o persoal municipal e impón penalidades pola obra “Corazón Verde entre Murallas”

LugoXa
A Xunta de Goberno aproba novas prazas, cobertura temporal e medidas de mantemento urbano e rural
proxecto-Corazón-Verde-centro-de-Lugo
1 Apr 2026

A Xunta de Goberno Local de Lugo aprobou esta semana unha serie de acordos centrados no reforzo do persoal municipal, coa creación de tres novas prazas e a cobertura temporal dun posto, ademais de outras actuacións en materia de contratación, urbanismo e seguimento de obras.

No ámbito de persoal, aprobaronse as bases específicas para cubrir tres prazas que permitirán consolidar emprego público e mellorar a prestación de servizos municipais en áreas clave. Entre estas, destaca a convocatoria dunha praza de ordenanza, pertencente á escala de Administración Xeral, subescala subalterna (grupo AP), mediante oposición e reservada á quenda de discapacidade intelectual, actualmente ocupada de xeito interino nos servizos sociais.

Tamén se aprobaron as bases para unha praza de auxiliar administrativo/a, dentro da escala de Administración Xeral, subescala auxiliar (grupo C2), tamén mediante oposición e dentro da quenda de discapacidade, co obxectivo de reforzar a estrutura administrativa e a capacidade de atención á cidadanía.

No ámbito social, aprobouse unha praza de traballador/a social, pertencente á escala de Administración Especial, subescala técnica (grupo A2), que require titulación específica e permitirá fortalecer a resposta municipal ante situacións de vulnerabilidade. Todas estas prazas deberán executarse nun prazo máximo de tres anos, segundo a Oferta de Emprego Público.

Ademais, acordouse a cobertura temporal dun posto de celador/a no CEIP As Mercedes mediante comisión de servizos, garantindo o funcionamento ordinario do centro sen incremento de gasto, ao tratarse dun posto xa dotado orzamentariamente.

En relación coa obra “Corazón Verde entre Murallas”, a Xunta de Goberno desestimou o recurso presentado pola empresa contratista e confirmou a imposición de penalidades por atraso na execución da actuación na Praza de Santo Domingo e rúa Teatro. As sancións ascenden a 31.073,35 euros e derivan do incumprimento dos prazos contractuais, a pesar das ampliacións concedidas durante a obra, que finalmente foi recepcionada o 30 de outubro de 2025. A penalidade aplicouse mediante dedución da certificación final.

Entre outros asuntos aprobados, destacan o expediente para a subministración de grava e saburra destinada ao mantemento de camiños rurais, cun orzamento de 106.200 euros, dividido en dous lotes e cun prazo inicial dun ano, prorrogable por outro máis. No ámbito urbanístico, aprobouse a modificación da licenza para adaptar un edificio como residencia de persoas maiores na Avenida Carvalho Calero, ampliando así a oferta asistencial na cidade.

Ademais, tratáronse outros asuntos de xestión ordinaria, como a contratación do servizo de roza no medio rural ou a concesión da cafetería do Parque Rosalía de Castro.

0.11911201477051