O Concello de Lugo renova seis fontes públicas e mellora as infraestruturas hidráulicas

O Concello de Lugo vén de finalizar as obras de conexión á rede municipal de auga potable en seis fontes públicas da cidade, unha intervención que garante o seu correcto funcionamento e mellora as infraestruturas hidráulicas en distintos barrios.
Os traballos, cun investimento total de 29.675,25 euros, culminaron coa instalación dunha nova fonte de auga potábel e dunha ornamental no parque do Camiño de Romai, en Albeiros.
As intervencións realizáronse en catro fontes no barrio da Ponte —en Fermín Rivera, Pontegaos, antiga estrada de Santiago e Reboredo— con acometidas, instalación de tubaxes, arquetas prefabricadas, chaves de paso e reposición de pavimentos. No parque do Camiño de Romai, executouse a nova fonte potábel e outra ornamental, coa correspondente instalación e conexión á rede municipal.
Segundo o alcalde, Miguel Fernández, “esta actuación responde ao compromiso do Goberno local coa mellora continua dos servizos públicos e coa modernización das infraestruturas municipais. Actuamos sobre elementos moi vinculados á vida cotiá dos barrios, asegurando a súa conexión á rede municipal e mellorando a súa eficiencia”.
O rexedor destacou que “cada pequena actuación contribúe a construír unha cidade máis coidada e funcional, mellorando a seguridade e o uso do espazo público”. O Concello continuará investindo na modernización das infraestruturas municipais, priorizando obras que impacten directamente na calidade de vida da cidadanía.