O Concello de Lugo renovará a colaboración coas ITV móbiles no rural un ano máis

LugoXa
As unidades desprazaranse a cinco parroquias a partir de febreiro para facilitar as inspeccións e evitar desprazamentos
ITV-agricola
1 Feb 2026

O Goberno local de Lugo continuará un ano máis a súa colaboración coas unidades móbiles de Inspección Técnica de Vehículos nas parroquias do rural, coa finalidade de achegar este servizo esencial á veciñanza e evitar que teña que desprazarse a outros puntos do municipio para realizar as revisións obrigatorias.

Esta iniciativa dá continuidade ás actuacións desenvolvidas o pasado ano, cando se instalaron tomas de terra fixas nos emprazamentos habituais das estacións móbiles para reforzar a seguridade e mellorar o funcionamento das inspeccións.

Durante este ano, o Concello seguirá prestando apoio nas parroquias de Calde, Coeses, Piñeiro, Recimil e Vilachá de Mera, onde as unidades móbiles da ITV comezarán a operar a partir do mes de febreiro.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou a relevancia desta cooperación institucional, sinalando que desde o Goberno local se traballa para que o servizo poida prestarse no rural en condicións axeitadas, garantindo a seguridade das inspeccións e facilitando que a veciñanza non teña que trasladar maquinaria agrícola ou vehículos pesados a outras instalacións, como as situadas no Ceao.

Ademais das tomas de terra xa executadas, o Concello pon á disposición do persoal das ITV os centros sociais ou escolas rurais máis próximos a cada punto de inspección, co obxectivo de ofrecer espazos adecuados durante a xornada laboral. Nalgúns casos concretos, como na parroquia de Calde, este apoio complétase coa instalación de servizos adicionais para asegurar que se cumpran as condicións necesarias para o correcto desenvolvemento da actividade.

De maneira paralela, desde o Goberno local tamén se levan a cabo traballos previos de acondicionamento dos emprazamentos, como o nivelado do terreo, mediante medios propios da brigada rural cando resulta preciso para permitir a correcta colocación da báscula e do equipamento técnico das unidades móbiles.

⚙ Configurar cookies
0.087790012359619