O Concello de Lugo renovará tres viais nos polígonos da cidade

LugoXa
O Concello de Lugo renovará o asfalto da rúa A do polígono das Gándaras, e das rúas da Inspección e da Agricultura no Ceao.
Arroxo, poligono
Arroxo, poligono
11 jul 2022

O Concello de Lugo investirá máis de 300.000 euros na renovación de tres rúas dos polígonos do Ceao e das Gándaras. Así o informou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, quen explicou que o Goberno mellorará o asfalto de tres rúas de ambos polígonos debido ao avanzado estado de desgaste da capa de rodadura.

Arroxo asegurou, asemade, que “isto súmase ás actuacións executadas recentemente, tanto na Campiña como na rúa da Industria do Ceao, que permitiron mellorar a contorna e os accesos dos lugares de traballo de moitas veciñas e veciños de Lugo”.

O Goberno de Lugo executará a renovación do asfalto da rúa A do polígono das Gándaras, o acceso principal ás Gándaras desde a Rolda Norte, e que a diario acolle unha gran carga de tráfico, entre o que se atopa un importante número de vehículos pesados.

Renovarase o firme deste treito con asfalto en quente, ademais de instalarse nova sinalización horizontal. O proxecto aprobado sairá a licitación cun orzamento base de 95.890,30 euros.

No polígono do Ceao, reurbanizaranse as rúas da Inspección e o treito inicial da rúa da Agricultura, nun proxecto que sairá a licitación cun orzamento máximo de 225.615,18 euros. Os traballos consistirán na renovación do asfalto e dos accesos ás naves con asfalto en quente, ademais das beirarrúas.

Ademais, instalarase unha nova canalización de auga e renovarase a recollida de augas pluviais.