O Concello de Lugo reordena o tráfico en Carril dos Loureiros con prioridade peonil e acceso restrinxido

O tenente alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, acompañado co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, reuniuse novamente coas veciñas e veciños do Carril dos Loureiros, no barrio de Recatelo, para facer un seguimento das obras e explicar de primeira man a nova reordenación do tráfico na zona.
Durante o encontro, Arroxo informou da inminente finalización dos traballos e detallou o modelo de mobilidade que se implantará unha vez reaberto Carril dos Loureiros.
O modelo consiste nunha plataforma única de preferencia peonil e velocidade limitada, con acceso restrinxido a vehículos de residentes, carga e descarga e servizos de emerxencia. “Isto garante a seguridade das persoas, reduce o tráfico innecesario e mellora a calidade de vida e o descanso da veciñanza”, explicou Arroxo.
Entre as medidas de control do tráfico, instalarase un lector de matrículas no punto de encontro entre a rúa Recatelo e o Carril dos Loureiros, que permitirá o acceso unicamente a persoas residentes e servizos previamente autorizados.
Pola súa parte, no cruzamento entre Carril dos Loureiros e a rúa Vilalba permitirase a entrada de residentes, servizos e vehículos de emerxencia sen necesidade de control automatizado mediante lector de matrículas.
Rubén Arroxo insistiu en que "ambos os puntos estarán debidamente sinalizados para garantir unha correcta interpretación das normas de acceso e facilitar a convivencia no novo modelo de mobilidade".