O Concello de Lugo reparte máis de 500 bolsas de compost elaboradas nos centros comunitarios

LugoXa
A campaña pon á disposición da veciñanza máis dunha tonelada de abono orgánico certificado como tipo A e producido nos catro centros de compostaxe da cidade
bolsas-compostaxe-comunitaria-de-Lugo
29 Apr 2026

O Concello de Lugo iniciou o reparto de máis de 500 bolsas de compost entre a veciñanza, con pesos que oscilan entre 1,5 e 2 quilos, elaboradas nos catro Centros de Compostaxe Comunitaria (CCC) activos no municipio. En total, nesta primeira produción obtívose máis dunha tonelada de compost, un recurso natural de alta calidade que foi analizado e certificado como Tipo A, a categoría máis elevada dentro da normativa sanitaria e de calidade agronómica.

Estes centros, situados en Angelo Colocci, San Fiz, Fonte dos Ranchos e Vila Verde, levan máis dun ano integrados na estratexia municipal de valorización da materia orgánica. A súa función é ofrecer unha alternativa de reciclaxe próxima para aquelas persoas que non dispoñen de espazo nas súas vivendas para compostar.

Cada instalación conta con sistemas de achega de residuos orgánicos e cun seguimento técnico constante por parte dos mestres composteiros de EcoLugo, que revisan semanalmente parámetros como a temperatura, a humidade, a aireación e o proceso de volteo, garantindo unha descomposición adecuada e un produto final de gran calidade.

O compost resultante está a ser distribuído á cidadanía dentro dunha campaña que comezou o 28 de abril coa instalación de carpas informativas na Praza da Milagrosa e en Augas Férreas, e que continúa o 29 de abril con novos puntos de entrega na Praza Maior, entre as 10:30 e as 13:30 horas, e en Fonte dos Ranchos, de 16:00 a 19:00 horas. Nestes espazos, ademais da entrega das bolsas, ofrécese información sobre o funcionamento do sistema e sobre a importancia de separar correctamente a materia orgánica como elemento clave na transición cara a un modelo máis circular.

A distribución continuará ata esgotar existencias tanto nas carpas como posteriormente na oficina de EcoLugo, situada na rúa Clérigos, 7, onde se poderán recoller as bolsas en horario habitual de atención ao público.

O alcalde, Miguel Fernández, destacou que “falamos dun exemplo claro de como a reciclaxe ben feita ten un retorno directo para a cidade. A materia orgánica que a veciñanza separa correctamente convértese nun compost excelente, útil para hortas, xardíns e espazos verdes, pechando o ciclo natural dos residuos e reforzando un modelo de cidade máis eficiente, máis limpa e máis sostible”.

0.12216401100159