O Concello de Lugo saca a licitación a renovación do asfalto na avenida dos Deportes

LugoXa
A intervención centrarase na mellora da capa de rodadura entre a glorieta da Cheda e o Paseo Palestina cun orzamento de case 97.000 euros
Avenida-dos-Deportes-Lugo-BNG
19 Jul 2025

O Concello de Lugo vén de iniciar o procedemento de contratación para acometer unha nova actuación de mellora na avenida dos Deportes, no treito comprendido entre a glorieta da Cheda e o Paseo Palestina.

Así o anunciou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, quen explicou que a intervención consistirá na renovación da capa de asfalto máis deteriorada mediante mestura quente e no repintado da sinalización horizontal, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria nesta zona de intenso tráfico.

Segundo indicou Arroxo, esta actuación forma parte da estratexia da Tenencia de Alcaldía para dotar á cidade de infraestruturas seguras e adaptadas ás necesidades da circulación actual. O proxecto céntrase exclusivamente na capa de rodadura, dado que o firme no seu conxunto presenta un bo estado e os defectos localizados non afectan ás capas inferiores.

A obra prevé o fresado superficial de toda a calzada e a aplicación dunha nova capa de rodadura con mestura asfáltica en quente, adaptada ás condicións técnicas necesarias para garantir a durabilidade dos traballos. Así mesmo, incluirase a renovación completa da sinalización horizontal afectada pola intervención: liñas continuas e discontinuas, pasos de peóns, cebreados, frechas, prazas de estacionamento e zonas de autobús, entre outros elementos. Tamén se pintará a sinalización horizontal ata o acceso ao Estadio Anxo Carro.

Esta mellora sae a licitación cun orzamento base de 96.797,52 euros e un prazo de execución de 90 días. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 5 de agosto.

Dende a Tenencia de Alcaldía subliñan que esta actuación responde ao compromiso municipal coa mellora continua do espazo público e coa seguridade da veciñanza e dos usuarios das vías urbanas.

⚙ Configurar cookies
0.16887092590332