O Concello de Lugo terá que investir un millón de euros para abrir o novo auditorio

LugoXa
As deficiencias construtivas do novo auditorio de Lugo obrigan ao Concello a investir máis dun millón de euros para poder abrilo
1Novo Auditorio reformas (3)
7 Xuño 2022

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, vén de anunciar o proxecto de execución do novo auditorio. Este documento recolle as obras que a administración local deberá desenvolver para arranxar as deficiencias e danos que presenta o edificio.

Unhas eivas derivadas dos seus problemas estruturais e das deficiencias construtivas así como a falta de mantemento do edificio por parte da Xunta desde que finalizou a execución ata que a administración autonómica entregou o edificio ao Concello.

A rexedora, acompañada da tenenta de alcaldesa, Paula Alvarellos, e dos arquitectos do proxecto, avanzou que finalmente, tras a última avaliación, o investimento municipal ascenderá a máis dun millón de euros.

“É dicir, destinaremos un novo investimento millonario para poder abrir o novo auditorio debidamente acondicionado e urbanizado e con todas as garantías de seguridade para o público, o que supón unha burla para a cidadanía de Lugo”, destacou.

A este respecto, Méndez lembrou que no momento da recepción, o Concello intentou entregar á Xunta os informes dos técnicos municipais onde xa daban conta dalgunhas das deficiencias advertidas nas dúas únicas visitas que lles deixaron realizar previamente e sen que, en ningunha desas ocasións, puidesen probar o funcionamento dos equipamentos.

Entón, se calculaba que o investimento municipal ascendería a máis de 300.000 euros, pero, “unha vez recepcionado o inmoble, atopámonos cun deterioro maior, con que a Xunta non realizara as probas dos equipamentos nin o mantemento do inmoble e con todas as garantías caducas”.

Por iso, ante a necesidade de avaliar con exactitude as condicións nas que se encontraba a construción co fin de que a súa apertura non supuxera ningún risco para as persoas usuarias e traballadoras, a Administración local procedeu a encargar unha avaliación global, mentres poñía a punto as instalacións eléctricas, de climatización, ascensores, sistemas de seguridade contra incendios, intrusión ou ventilación.

Dos primeiros estudos realizados tras a recepción (onde se cifraban en máis de 200 as deficiencias a arranxar) ata o proxecto de execución final, arquitectos e técnicos foron apreciando máis deficiencias que necesitarán intervención en dous eidos, segundo incidiu a alcaldesa.

Por unha banda, o proxecto abrangue actuacións encamiñadas a reparar os numerosos danos que presenta o inmoble, pero tamén os problemas estruturais e deficiencias construtivas “que, de non solucionarse, nos obrigaría a realizar de novo obras máis adiante xa que están causando lesións no mesmo”, aclarou.

Estas deficiencias, causadas por humidades procedentes do exterior, ben sexa polas cubertas planas, ben polo muro de soto sito na zona Leste ou pola zona de urbanización, afectan ás cubertas, fachadas, estruturas, carpintería exterior, revestimentos interiores e pavimentos.

Por outra banda, será necesario desenvolver a urbanización do exterior do Auditorio, con actuacións de moita maior envergadura que o seu simple axardinamento, como estaba previsto inicialmente, xa que é necesario reconducir o acceso cara a fachada principal, que non é, como podería parecer, a que se abre a Magoi, senón a da rúa Madanela, que agora se presenta como una entrada secundaria.

A este respecto, Lara Méndez sostivo que a profunda remodelación da urbanización dará, ademais, solución a patoloxías do edificio tamén detectadas nas áreas exteriores, “e aproveitarase para mellorar a accesibilidade ao inmoble e para enriquecer os espazos exteriores co fin de que dean apoio á funcionalidade cultural do Auditorio, creando áreas estanciais axardiñadas e zonas de concertos e festivais ao aire libre”, explicou.

O obxectivo, incidiu a alcaldesa, é, “xa co proxecto de execución finalizado, abrir canto antes o proceso de licitación das obras co fin de poñer o Auditorio ao servizo da cidadanía o antes posible, pero nunhas condicións óptimas e de máxima seguridade e funcionalidade”.

0.19395112991333