O Concello de Monterroso destina 400.000 euros á recuperación da xestión directa do SAF

LugoXa
A Corporación do Concello de Monterroso aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía unha modificación de crédito de 400.
13 Maio 2024

A Corporación do Concello de Monterroso aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía unha modificación de crédito de 400.000 euros para poder levar a cabo a recuperación da xestión directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O rexedor, Eloy Pérez, explica que se fixo preciso recorrer a un suplemento de crédito “como consecuencia de recuperar a xestión do SAF para o Concello ante a insuficiencia de crédito orzamentario nos Presupostos prorrogados”.

A proposta de Alcaldía recolle o acordo da sesión plenaria do 25 de abril no que se acordou non prorrogar o contrato do SAF, polo que, na execución do Orzamento municipal se observa a necesidade de realizar unha serie de gastos varios para os cales non existe aplicación orzamentaria no orzamento de Gastos ou o crédito de estas aplicacións é insuficiente.

Tendo en conta que se trata de gasto que non poden demorarse ata o exercicio seguinte por ser necesarios para afrontar os custos de persoal derivados da remunicipalización do SAF, desde a Alcaldía proponse financiar a contía con remanentes de tesourería. Asistiron ao Pleno Extraordinario os 3 concelleiro do PP, 2 do PSOE, 1 do BNG e 1 do Partido Galego.

Todos eles votaron a favor. Unha vez aprobada esta proposta de Alcaldía, vaise continuar coa tramitación do expediente, coa inmediata exposición ó público, a efectos de exame e reclamacións. No suposto de non presentarse reclamacións contra este, considerarase definitivamente aprobado, sen máis trámite, debendo cumprirse, a publicación no BOP e no taboleiro de anuncios do Concello. Na sesión extraordinaria de Pleno celebrada hoxe tamén se levou a cabo o sorteo de mesas de cara as eleccións europeas.

0.16376399993896