O Concello de Monterroso organiza un amplo programa de actividades infantís

O Concello de Monterroso presenta unha completa programación de actividades infantís que se desenvolverán ao longo da primavera, verán e outono.
As propostas, dirixidas ao público máis novo, inclúen contacontos, obradoiros, espectáculos teatrais, concertos e ata un escape room, e terán lugar entre os meses de abril e outubro en distintos espazos do municipio.
A primeira cita será o 24 de abril co contacontos sensorial para bebés de 2 e 3 anos, con prazas limitadas e inscrición previa, no Espazo Cultural Lorenzo Varela ás 17:30 horas.
En maio, os maiores de 7 anos poderán participar no escape room 'Plan de Rescate', tamén no Espazo Lorenzo Varela, o día 16 ás 17:30 horas.
Xa en xuño, o día 30 ás 12:00 horas, chegará ao mesmo espazo o espectáculo de monicreques 'Roupa Tendida' da compañía Xarope Tulú.
Durante o mes de xullo, os eventos trasládanse á Praza A. Rojo Losada, onde o día 6 ás 13:00 horas actuará o Mago Rafa con 'Abracadabra', e o día 20 á mesma hora será a quenda de Pakolas co espectáculo musical 'Ecoralia, a lambona ecolóxica'.
En agosto, a praza acollerá tres actuacións: o día 3, Chuches Amil presentará 'Electrico 2025'; o día 17, será a vez de Xoán Curiel co seu 'Conto-concerto A banda do verán'; e o 31 de agosto, Trécola Teatro representará 'As aventuras de Pituquito', todas ás 13:00 horas.
Xa no outono, o 26 de setembro, Inma Soto Iglesias levará ao Espazo Lorenzo Varela o contacontos 'Xela, a superheroína de aldea', ás 17:30 horas. E para pechar a programación, o 24 de outubro, Anxo Moure impartirá o obradoiro de contos sobre igualdade '¿Sabes cóser?', tamén ás 17:30 horas no mesmo espazo.
Esta iniciativa, organizada polo Concello de Monterroso en colaboración coa Xunta de Galicia e a Rede de Bibliotecas de Galicia, enmárcase dentro do programa 'Ler Conta Moito', co obxectivo de fomentar a lectura e o pensamento crítico desde as idades máis temperás, nun ambiente lúdico e participativo.