O Concello de Monterroso organiza un campamento dixital en Semana Santa

O Concello de Monterroso organiza un campamento dixital os días 14, 15 e 16 de abril dirixido a nenos e nenas de entre 9 e 13 anos co propósito de fomentar as súas habilidades tecnolóxicas nun contorno educativo e lúdico.
Esta proposta forma parte dunha iniciativa promovida pola Fundación Cibervoluntarios, no marco do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia (CODI), unha acción impulsada polo Ministerio de Xuventude e Infancia e financiada a través dos fondos europeos Next Generation EU.
O principal obxectivo desta actividade é formar aos máis pequenos e pequenas en competencias dixitais durante períodos non escolares ou vacacionais, favorecendo a súa inclusión no ámbito tecnolóxico.
A prioridade será para aqueles menores que se atopen en situacións de vulnerabilidade, como risco de exclusión social ou pobreza, segundo recolle o Plan de Acción Estatal para a implementación da Garantía Infantil Europea.
Actividade sen custo para as familias
O campamento desenvolverase na Aula CEMIT, situada no Centro Sociocultural de Monterroso, en horario de 10.00 a 13.00 horas durante as tres xornadas.
As prazas están dispoñibles de maneira gratuíta e as inscricións permanecerán abertas ata o 21 de marzo e as persoas interesadas poden solicitar máis información ou formalizar a inscrición no Espazo Cultural Lorenzo Varela.
Durante o curso, os participantes aprenderán a manexar Internet dun modo práctico, seguro, creativo e responsable. Ao remate, recibirán un certificado DigComp que acredita as competencias adquiridas.