O Concello de Outeiro de Rei e o CEIP Laverde Ruiz organizan a primeira Feira do Libro

LugoXa | TerraChaXa
Haberá actividades para todos os públicos pola mañá e pola tarde, destacando a presencia de autores e autoras de obras recoñecidas da provincia de Lugo
Cartel-Feira-do-Libro-Outeiro-de-Rei
24 Mar 2025

O Concello de Outeiro de Rei e o CEIP Laverde Ruiz organizan a primeira edición da Feira do Libro do municipio o vindeiro martes, 22 de abril.

A iniciativa, que terá lugar en horario de 10.00 a 14.30 horas e de 15.30 a 19.00 horas nunha carpa instalada diante da Casa do Concello, acollerá diferentes actividades arredor do Día do Libro, que se celebra o 23 de abril.

A finalidade é achegar aos nenos e nenas de Outeiro de Rei o ambiente dunha feira do libro, valorando deste xeito o gusto pola lectura, os libros e os escritores.

Ademais, convidan a todas as persoas interesadas na lectura a achegarse, xa que será unha xornada con variedade de propostas que integran todos os públicos e de todos os concellos para que desfruten das diferentes actividades que se organizan en familia.

O cartel da Feira foi froito dun concurso que organizou o Departamento de Biblioteca do CEIP Laverde Ruiz, que convocou ás familias para que deseñaran póster que incluíra a esencia do que será o evento.

PROGRAMA DA FEIRA

As actividades do evento desenvolveranse pola mañá, máis dedicadas ao público infantil, xa que destacará a presenza e participación dos nenos e nenas do colexio de Outeiro de Rei; e pola tarde, momento no que as iniciativas serán máis para público xeral e adulto.

Así, contarase con diversos escritores e escritoras, como Ana Meilán e María Canosa que impartirán un contacontos para os máis pequenos, Toño Núñez, que estará coas súas obras infantís pola mañá e co seu último libro pola tarde; Anxo Moure e Sabela Núñez. Pola súa parte, con obras para público adulto estarán Rocío López, Marisol Bravos, Jordi Cicely, Fernanda Arroxo e Abril Camino.

Ademais, haberá máis iniciativas, como un obradoiro de pintacaras, un espectáculo de maxia da man do mago David, estará Guido Guía, un orador e unha debuxante; así como terá lugar unha doazón de libros á Biblioteca Pedriátrica do HULA.

No evento, participarán tamén tres librerías: a Ardelos de Rábade, a Amorín de Castro de Rei e a Aguirre de Lugo, así como estará algunha persoa vendendo produtos relacionados cos libros. Ademais, durante toda a xornada farase entrega duns tíckets para realizar un sorteo de tres bonos de 50 euros e un libro.

⚙ Configurar cookies
0.71094393730164