O Concello de Pol abre o prazo de inscrición para os Días sen Cole de verán

O Concello de Pol pon en marcha unha nova edición do programa “Días sen Cole”, unha iniciativa destinada a facilitar a conciliación familiar durante as vacacións escolares de verán e ofrecer aos máis pequenos unha alternativa de lecer activa e educativa.
A actividade desenvolverase entre o 6 de xullo e o 7 de agosto, en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres, e está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 14 anos. As prazas son limitadas e as inscricións poden realizarse nas oficinas municipais.
Ao longo das distintas semanas programadas, os participantes poderán gozar dunha ampla variedade de actividades, entre as que se inclúen xogos, obradoiros, actividades deportivas e sesións na piscina. Ademais, o programa contempla saídas a diferentes espazos de lecer, como a praia, un rocódromo ou o parque de Cerceda, co obxectivo de fomentar a convivencia, a diversión e o contacto coa natureza.
A programación completarase con propostas lúdicas como actividades con inchables e unha festa da escuma, convertendo os Días sen Cole nunha alternativa atractiva para os máis novos durante o período estival.
O custo da actividade será de 50 euros por semana, mentres que a participación durante todo o período terá un prezo de 150 euros. Desde o Concello de Pol animan ás familias interesadas a formalizar a súa inscrición canto antes debido ao número limitado de prazas dispoñibles.