O Concello de Vilalba pedirá ao Padroado da Residencia información sobre o gromo de covid

TerraChaXa | LugoXa
O Concello de Vilalba vén de informar que solicita de urxencia a reunión do Padroado da Residencia de Persoas Maiores para que se informe da xestión desta institución desde o inicio do gromo de máis de cen persoas contaxiadas da Covid-19.
14 Dec 2020

Desde o goberno local realizan esta petición co fin de ter coñecemento da situación actual das persoas residentes, así como das novas contratacións de traballadores/as e a situación laboral do persoal contratado. Dita xuntanza “será útil para facer unha análise con total transparencia e clarificar aspectos da xestión da residencia”.

Nesta liña, pedirase un informe sobre as actuacións realizadas nas semanas previas e posteriores ao incremento de contaxios neste espazo “pois consideramos que é o momento de detectar posibles fallos e dar resposta ao malestar de traballadores/as, usuarios/as e familias”.

O Concello solicitará que o presidente convoque de urxencia esta xuntanza por considerar que “despois destas semanas nas que a prioridade era atender ás persoas contaxiadas, chegou o momento de explicar e analizar a situación actual e a toma de decisións neste período”.

0.18278694152832