O Concello de Viveiro fai un chamamento para acudir á manifestación por Alcoa este domingo
O domingo 3 de novembro terá lugar unha nova manifestación para pedir un mellor prezo na enerxía para a fábrica de Alcoa en San Cibrao; dende o Concello quérese realizar un chamamento público para animar a todos os veciños de Viveiro e da comarca da Mariña a sumarse a esta manifestación coa pretensión de garantir a continuidade de Alcoa e o seu futuro na comarca, como eixe esencial do tecido económico da zona.
O problema de Alcoa desgrazadamente non é unha novidade, "xa levamos moitos anos con esa preocupación, e o concello de Viveiro xa participou, hai tempo, en manifestacións e concentracións amosando o seu apoio aos traballadores e á permanencia da fábrica", segundo a alcalde, María Loureiro.
O Goberno Central deu pasos importantes neste último ano e medio; a aprobación de 25 millóns de euros para Alcoa San Cibrao en compensión polo CO2 non soluciona o problema, pero é unha bomba de osíxeno ante esta situación. "Sabemos que a solución é un estatuto electrointensivo e este goberno xa fixo o borrador, que non puido ser aprobado por atoparse en funcións, e a aprobación definitiva non depende só deles, senón tamén da Comisión Europea", sinala.
O Concello de Viveiro sempre mostrou o seu total apoio aos traballadores de Alcoa, conscientes do impacto social e económico desta empresa na comarca e convencidos da necesidade da implicación de todas as administracións, sinala a alcaldesa; "sempre estivemos á súa disposición para realizar todas e cantas xestións estiveran ao noso alcance para garantir os postos de traballo e, nesta liña, consideramos que o vindeiro domingo todos e todas debemos saír a rúa para defender o futuro de Alcoa. Agardamos que a resposta sexa masiva e que a Praza Maior de Viveiro sirva de exemplo do sentir popular, que preocupa e afecta a todos", anima.
Aprovéitase a ocasión para lembrar que a manifestación referida afectará ao tráfico rodado, que sufrirá cortes de tráfico durante o seu percorrido. A manifestación partirá ás 12.00 do Casino en dirección á Porta de Carlos V, seguindo pola Travesía da Mariña ata a Praza de Lugo, para vir pola rúa Pastor Díaz ata a Praza Maior.