O Concello de Viveiro financia o transporte ao alumnado que se despraze fóra
O Concello de Viveiro mantén neste curso escolar 2020/2021 o seu compromiso de financiar o transporte ao estudantado que se despraza fóra de Viveiro por motivos académicos, xa sexa para cursar formación profesional ou estudos universitarios.
Xa están dispoñibles para a súa tramitación os bonos coa reducción do 50% financiada polo Concello con orixe Viveiro e destino Ribadeo, Lugo, A Coruña e Santiago. Estas son as tarifas:
RUTA | BONO 30 VIAXES | BONO 60 VIAXES |
VIVEIRO-RIBADEO | 53,62 € | 82,5 € |
VIVEIRO-LUGO | 82,88 € | 127,5 € |
VIVEIRO-A CORUÑA | 107,25 € | 165 € |
VIVEIRO-SANTIAGO | 192,10 € | 295,50 € |
Os bonos poden solicitarse na Omix en horario de 10.00 a 14.00 horas, sen cita previa e aportando xustificante de matrícula e foto carné, no mail informacion.xuvenil@viveiro.es ou chamando ao Concello 982 560 128 (extensión 1135).
Na mesma liña, cómpre facer referencia ao servizo de transporte escolar gratuíto para desprazarse a Xove, San Cibrao e Burela, que emprega a mocidade de Viveiro que cursa estudos de Formación Profesional ou Bacharelato nalgún centro deses municipios. A día de hoxe están inscritas un total de 33 mozas e mozos, que empregan diariamente este servizo.
O Goberno municipal é consciente do gasto que significa para as familias cando os seus fillos e fillas estudan fóra e con esta iniciativa pretende colaborar facilitando de maneira gratuita o servizo referido para os desprazamentos a Xove, San Cibrao ou Burela, e asumindo o pago do 50% do custe de cada viaxe no caso de estudantes universitarios ou de Formación Profesional, para desprazamentos a Ribadeo, Lugo, A Coruña e Santiago.