O Concello destinará os fondos do Plan Único integramente a melloras no rural

LugoXa
O Concello destinará os fondos do Plan Único da Deputación de Lugo integramente a realizar melloras no rural
Lara Mendez parroquia rural
Lara Mendez parroquia rural
11 mar 2023

Os fondo do Plan Único destinados ao Concello de Lugo irán dedicados a executar, integramente, melloras no rural, segundo avanzou o tenente de alcaldesa e concelleiro da área, Miguel Fernández, quen informou que “o Goberno local vén de trasladar á Deputación Provincial os proxectos das cinco intervencións previstas, dirixindo catro delas a acondicionar diferentes estradas en parroquias mentres que a outra terá por obxecto implantar a primeira fase do abastecemento en Pías, co compromiso de que o proxecto terá continuidade ata dotar deste servizo a toda a parroquia".

“As actuacións beneficiarán directamente á veciñanza destes núcleos, redundando nun incremento da súa calidade de vida e das dotacións públicas das que dispoñen na contorna, pero tamén contribuirán á comodidade e seguridade viaria do conxunto da poboación que poida empregalas nos seus desprazamentos, mellorando as conexións e a rede de infraestruturas municipais”, subliñou o edil responsable.

Do conxunto das obras, que foron orzamentadas en 557.568 €, a Deputación achegará medio millón de euros e o Concello os 57.568 € restantes.

Dentro dos traballos de acondicionamento e mellora que se levarán a cabo están o da estrada municipal que atravesa o núcleo rural de Cacabelos (Santalla de Mazoi), por valor de 60.864 €, o firme da estrada municipal que comunica os núcleos de Portanova, Fontemaior e Airexe (Santa María de Coeses), orzamentada en 56.657 €,o firme da estrada municipal que, partindo da N-232, enlaza o núcleo de Astariz coa N-540 (San Vicente do Veral e San Lázaro da Ponte), cun importe de 101.701 € e a estrada municipal que, partindo da LU-P-2910, chega ao núcleo do Castro (Pista de Paredes) (San André de Castro), cuxo presuposto ascende a 137.506 €.

Por último tamén se renovará o abastecemento de auga na parroquia de Pías (Primeira Fase), estimada en 200.837€.