O Concello e a Sociedade Protectora de Animais coordinan o inicio das obras de reforma e ampliación do albergue da Muxa

LugoXa
Elena Candia destaca que o proxecto é un exemplo de diálogo e colaboración entre administracións para dar resposta a unha demanda histórica
Reunión-Directiva-Protectora-concello-de-Lugo
14 Jul 2026

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a concelleira de Economía, Participación, Servizos á Veciñanza e Benestar Animal, Mar Carballas, mantiveron unha reunión de coordinación coa directiva da Sociedade Protectora de Animais para planificar o inicio das obras de reforma e ampliación do albergue da Muxa.

Durante o encontro abordáronse os trámites previos ao comezo da actuación, entre eles a sinatura da acta de inicio das obras, a organización dos traballos e a planificación das actuacións que deberán executarse e certificarse ao longo deste ano, de acordo cos prazos establecidos no convenio aprobado recentemente.

A alcaldesa destacou que este proxecto representa "un exemplo da forma de traballar deste Goberno, baseada no diálogo, no consenso e na colaboración institucional para resolver problemas que levaban anos pendentes".

Candia lembrou que a reforma da Protectora foi unha das iniciativas que o Partido Popular defendeu cando estaba na oposición e que agora, desde o Goberno municipal, convértese nunha realidade grazas ao acordo impulsado entre as tres administracións que financiarán o proxecto.

"O Concello asumiu o liderado dun proxecto que era unha responsabilidade municipal e fixémolo tendendo pontes, sumando apoios e buscando o consenso necesario para facelo posible. Ese é o noso xeito de gobernar: dialogar, colaborar e cumprir os compromisos adquiridos coa cidadanía", afirmou.

"Unha cidade tamén se mide por como coida dos seus animais. Este proxecto define o modelo de cidade que queremos construír e demostra que, cando hai vontade de entendemento entre administracións, os proxectos saen adiante", concluíu Elena Candia.

0.12379503250122