O Concello fai balance do San Froilán 2024: "Logrouse que Lugo siga tendo orgullo das súas festas"
Unha vez rematadas as festas, dende o Concello fan balance un ano máis das patronais que incluíron 200 actividades no seu programa. A edil de Cultura, Maite Ferreiro, indicou que "xa podemos dicir que todas as persoas que participaron destas festas puideron sentir o seu o San Froilán". Ferreiro destacou que a asistencia de público ás distintas actividades foi "máis que satisfactoria", e destacou a importancia non só dos múltiples concertos que ateigaron as prazas Horta do Seminario, Santa María e Mosqueira, senón tamén "a animación de rúa e as actividades nos barrios que nos axudaron a conseguir o obxectivo de que todas as persoas que viven en Lugo ou nos visitan sentisen que as festas eran súas, e que a nosa veciñanza se sentise orgullosa de ser de Lugo".
A concelleira aproveitou para facer un especial agradecemento a todas as persoas, empresas e colectivos que dun xeito ou outro participaron na organización das festas, facendo especial mención aos diferentes departamentos e persoal do concello que "nestes días traballaron de xeito continuado para que as festas fosen un éxito como foi o caso do persoal de cultura, policía local, bombeiros ou o servizo de limpeza". Salientou "logrouse que Lugo siga tendo orgullo das súas festas e o San Froilán demostrou ser, de novo, a gran festa do outono galego". Con 200 actividades programadas e a participación duns 50 grupos locais a animación de rúa foi protagonista deste San Froilán.
Ferreiro destacou a participación de colectivos e asociacións que programaron eventos encadrados no programa de festas e a grande participación dos máis pequenos nas 20 actuacións que completaban o programa do San Froilán Miudo ou as múltiples actividades deportivas vencelladas ás datas das festas. O desfile de gando e a celebración de ExpoLugo ou a presenza do Mago Antón e os espectáculos de rúa xunto coa volta do desfile do traxe tradicional que celebrou o seu 52 aniversario, xunto coa exhibición de atletismo Saltar na rúa, coa que o club de atletismo Lucus Caixa Rural Galega celebrou o seu 40ª aniversario foron parte dos atractivos da festa.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, quixo destacar que a festa tradicional máis importante de Galicia se consolidou como un referente en convivencia, seguridade, limpeza e impulso económico para a cidade. “Estamos especialmente satisfeitos porque as patronais amosaron, unha vez máis, a súa capacidade para atraer visitantes e dinamizar a nosa cidade, dando continuidade ao éxito do Caudal Fest e servindo como preámbulo para a campaña de Nadal, na que xa estamos a traballar para ofrecer unha programación completa e atractiva", afirmou.
Exemplo de convivencia exemplar
A rexedora subliñou a importancia de que o San Froilán, o maior evento de exaltación da identidade lucense, se consolidase como unha celebración de convivencia exemplar, onde lucenses e visitantes puideron gozar dun ambiente cívico e seguro ao longo de todas as xornadas. "O noso obxectivo é que as festas sigan a ser un espazo de encontro e desfrute para todos," sinalou. Asemade, a alcaldesa destacou a importancia de seguir potenciando a desestacionalización turística de Lugo, aproveitando eventos como o San Froilán para alargar a actividade económica e social da cidade durante todo o ano. "Estas festas son unha excelente oportunidade para mostrar todo o que Lugo pode ofrecer a nivel cultural e turístico, tanto para os que nos visitan como para os lucenses", engadiu.
No ámbito da seguridade, Alvarellos puxo en valor “o éxito do dispositivo de control móbil da Policía Local, que se instalou no recinto feiral para vixiar en tempo real a afluencia de público e garantir unha resposta rápida ante calquera incidencia”. En canto á limpeza, o dispositivo especial coordinado pola Área de Transición Ecolóxica mobilizou un despregue importante de recursos mecánicos e humanos, con equipos de barredoras eléctricas e camións cisterna para baldeo, entre outros. Pola súa parte, dende o PP piden “máis humildade, máis escoitar ás distintas sensibilidades e lembrarse de que teñen que gobernar para todos e non para uns poucos”. Os populares queren deixar claro que “este non é o noso San Froilán”, lembrando que decidiron abandonar a comisión de festas porque lles negaron a información sobre as contas e non aceptaron as chamadas a unha maior participación para facer unhas festas para todos.