O Concello impulsa un novo proxecto para o Cinto Verde

LugoXa
O Concello impulsa un novo proxecto para que o Cinto Verde gañe en conectividade e biodiversidade para goce da veciñanza
Presentacion cinto verde
Presentacion cinto verde
8 dic 2022

O Concello dará novos pasos para converter o Cinto Verde que segue os cursos fluviais dos ríos Miño, Rato e Fervedoira nun conector ecolóxico peonil e ciclista entre a zona urbana e a contorna fluvial, ao mesmo tempo que se recuperará o seu hábitat e impulsarán os seus usos para o ocio, o deporte e o esparexemento.

Para iso, atendendo ao estudo de planificación e ordenación desta zona que se desenvolveu desde a estratexia LIFE Lugo+Biodinámico e que está incluído no Plan de Acción da Axenda Urbana 2030, presentará un proxecto aos fondos europeos convocados pola da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que se aprobará no vindeiro Pleno.

O obxectivo, según a alcaldesa, “é recuperar e conservar os principais hábitats naturais e seminaturais, fomentando a biodiversidade e favorecendo a rexeneración natural da vexetación potencial e da fauna asociada, así como contribuír a unha mobilidade máis sostible mellorando a conectividade peonil e en bicicleta do cinto, reforzando o seu valor como parte da infraestrutura verde e azul de Lugo”.

A alcaldesa lembrou que o coidado deste patrimonio natural e a súa conectividade coa cidade é unha firme aposta do seu Executivo desde o pasado mandato, articulando as accións da estratexia Dusi Muramiñae, “como a ampliación do paso peonil baixo a N-VI, a execución da pasarela Tanxurela ou a senda verde ciclista que une de xeito seguro oito barrios co Miño; así como os 2,5 km. de carril ciclable que executou a Deputación tras acadar comigo ese compromiso”, sostivo e engadiu que “lle daremos continuidade ás melloras iniciadas”.

O ámbito onde se intervirá agora serán 3 quilómetros da área suroeste que discorre entre a N-VI e o Miño, desde a Ponte Romana até o paso peonil baixo a estrada LU-11, que une o Parque do Miño co do Rato e A Tolda.

Ademais, incidirase en actuacións de recuperación e consolidación en outros dous espazos: na zona oeste, na contorna da Nova Ponte sobre o Río Miño que une a estrada N-VI coa estrada LU-612 (desde a Acea de Olga até o Parque do Miño), que é un espazo case residual, relegado a aparcadoiro e tránsito cara a outras áreas, baixo a estrutura portante de alicerces de formigón do ramal de acceso da N-VI e a propia ponte;  e na zona sur, que se sitúa na contorna do Caneiro de Santalla, desde a parcela do aliviadoiro da Tolda propiedade da Confederación Hidrográfica até o Parque da Tolda. Cómpre sinalar que, desde o sur, até o acceso rodado, o paso peonil é continuación do camiño de terra apisonada do Parque do Miño que, actualmente ten un mantemento insuficiente, con superficie irregular, pequenas fochas que favorecen a aparición de charcos e invasión puntual de vexetación.

“Con este proxecto -incidiu Méndez- unimos o anel do Miño co Rato para ir gañando espazos para uso da cidadanía, á vez que mitigamos o alto impacto medioambiental e de contaminación acústica causado polo tráfico existente nas estradas que percorren este ámbito, especialmente a N-VI, unha das principais barreiras da cidade, que pode afectar tamén á fauna”.

A falta de confort acústico é especialmente relevante na zona oeste, onde ao ruído do tráfico únese a reverberación nas estruturas da ponte causando tal incomodidade nas persoas que impide a permanencia no espazo e gozar do paseo.

Intervencións

Co obxecto de darlle continuidade ás actuacións xa realizadas polo Concello e a Deputación, construirase un carril bici de 3 quilómetros, cun trazado paralelo a N-VI, entre a Ponte Vella e o paso peonil baixo a estrada LU- 11, que une o Parque do Miño co do Rato e entre a Ponte Vella e o acceso ao Balneario, discorrerá próximo á marxe do río e, debido ás limitacións de espazo e só neste tramo, será de coexistencia peonil e ciclista.

Na zona oeste recuperarase e renaturalizarase o espazo residual xerado entre a estrutura portante de alicerces de formigón do ramal de acceso da N-VI e a propia ponte, dándolle un novo uso e incorporándoo ao carril ciclista que vertebra o cinto. Eliminarase o acceso do tráfico motorizado e crearase unha barreira vexetal entre o carril bici – que será de uso exclusivo- e a N-VI para protexer, visual e acusticamente, o ámbito. E cara á marxe do río construirase unha pasarela peonil de madeira de 2,50 m de ancho.  Nos tramos nos que a anchura do paso non sexa suficiente, a pasarela voará sobre o noiro do río, apoiada en alicerces de madeira.

A alcaldesa fixo fincapé e que “a rehabilitación, consolidación e incorporación á rede de espazos verdes ecolóxicos de Lugo da área sur é de gran importancia para a cidade, especialmente pola súa proximidade ao Campus Universitario”.

Do mesmo xeito que na zona oeste, o ámbito protexerase visual e acusticamente do tráfico da N-VI coa interposición dunha barreira vexetal entre o carril bici e a estrada. Ademais, unha pasarela de madeira conectará os paseos peonís dos parque do Miño e A Tolda, e ao longo do seu trazado crearanse pequenas áreas de estancia para que o cidadán poida gozar da natureza, recreándose na contemplación da fauna, flora e a paisaxe dos hábitats xerados.

Estes espazos estarán dotados de paneis informativos, bancos e papeleiras, que favorezan un uso público respectuoso e responsable.

O trazado sinuoso da pasarela dividirá o espazo en catro hábitats de interese natural e característicos de territorio, que se recuperarán: bosques aluviais, carballeiras acidófilas, herbais nitrófilos vivaces e prados de sega.

Atravesando o catro hábitats, discorrerá un canal de auga que unirá tres charcas artificiais que potenciarán a presenza de fauna, principalmente invertebrados, anfibios e aves.

Lara Méndez sostivo que con ese proxecto, que ten un importe de 4.210.000 euros, dos que se solicitan catro aos fondos europeos segue as pautas do modelo de cidade verde no que se está a traballar, cos seguintes obxectivos, facilitar un uso público sustentable e coherente co valor ecolóxico do Cinto Verde para gozar en contacto coa natureza, implementar accións de fomento e conservación da biodiversidade, fomentar a conectividade ecolóxica, minimizando ou eliminando a fragmentación de hábitats, realizar un control poboacional de especies invasoras e implementar medidas de eliminación, mellorar a conectividad do cinto mediante a mellora da rede peonil e ciclista existente. E tamén mitigar os impactos ambientais da NVI, impulsar programas de actividade científica e educativa acordes co potencial ecolóxico das zonas intervidas e divulgar os valores naturais do espazo, fomentando a vinculación da cidadanía coa contorna natural da súa cidade e facéndoa copartícipe na conservación do mesmo.

Para desenvolver estas actuacións, será necesario expropiar un total cinco parcelas, orzamento incluído nas axudas solicitadas. Destas, tres se atopan xa en proceso de expropiación por parte do Concello e outras dúas están pendentes de que se inicie o proceso.