O Concello inicia os trámites para instalar cámaras de videovixilancia na contorna dos locais conflitivos da Milagrosa

O Concello de Lugo iniciará a tramitación para solicitar a autorización necesaria para instalar cámaras de videovixilancia na contorna dos locais conflitivos da zona da Milagrosa, unha medida coa que busca reforzar a seguridade cidadá e facilitar a prevención e investigación de delitos.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, anunciou que a petición será remitida á Subdelegación do Goberno e destacou que a iniciativa conta co respaldo dos informes elaborados pola Policía Local, a Policía Nacional e a Asesoría Xurídica municipal.
Segundo recolle o informe xurídico, os documentos emitidos polos responsables dos corpos policiais constatan un repunte da actividade delituosa nunha zona concreta da cidade e consideran necesaria e conveniente a instalación de cámaras de videovixilancia como medida preventiva e como ferramenta para favorecer a investigación dos feitos delituosos.
A Asesoría Xurídica tamén lembra que esta actuación está regulada pola Lei Orgánica 4/1997, que permite a utilización de videocámaras polas Forzas e Corpos de Seguridade en lugares públicos para garantir a convivencia cidadá, favorecer o uso pacífico dos espazos públicos e previr delitos e infraccións relacionadas coa seguridade pública.
Ao tratarse de videovixilancia policial en espazo público e non dun sistema de protección de edificios municipais, a súa instalación require a autorización da Delegación do Goberno, conforme ao procedemento previsto na normativa vixente.
Candia asegurou que o Goberno local continuará impulsando medidas baseadas en criterios técnicos para reforzar a seguridade cidadá e dotar á Policía Local dos medios necesarios para desenvolver o seu traballo con maior eficacia.