O Concello instalou nos últimos días doce novos elementos para reducir a velocidade

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que vén de rematar unha nova fase do plan de calmado de tráfico que está a executar a área de Mobilidade e Infraestruturas en todas as zonas da cidade. Arroxo anunciou que se habilitaron 12 novos elementos para o calmado de tráfico, tanto pasos de peóns elevados como lombos de asno en diferentes puntos da cidade. Arroxo afirmou que "continuamos a atender os barrios e zonas periurbanas da cidade, para aumentar a seguridade peonil".
A Tenencia de Alcaldía continúa deste xeito a mellorar a seguridade peonil, xa que se reduce notablemente a velocidade dos vehículos, e garántese unha plataforma física a distinto nivel ca o resto da calzada. En todos os casos, dispoñeranse sinais para avisar ao tráfico dun paso peonil elevado.
Rubén Arroxo destacou "a importancia das actuacións de calmado de tráfico, que viñemos executando nas zonas escolares, e que agora expandimos a novas zonas da cidade". O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas sinalou que "buscamos un tráfico calmado, aumentando a seguridade da veciñanza de toda a cidade".
Nesta última rolda, a área de Mobilidade instalou lombos de asno no Camiño do Souto, Pedáneo Xoán Diego e na rúa Alba, e pasos de peóns elevados noutro punto do Camiño do Souto, e en Túnel de Oural, Flor de Malva, Avenida da Coruña, 435, Avenida Adolfo Suárez, 79, rúa Illas Canarias 208, rúa Miguel de Cervantes, 47-64, Ronda de Fingoi (centro de convivencia) e Avenida de Magoi, 92.