O Concello levará ao pleno a modificación do PXOM necesaria para a Estación Intermodal

LugoXa
El ayuntamiento de Lugo llevará al pleno la modificación puntual del PXOM necesaria para la construcción de la Estación Intermodal.
lugo proxecto intermodal
14 Feb 2022

O Concello de Lugo procederá este mes de febreiro á aprobación inicial da modificación puntual 03, non substancial, do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para acadar a descatalogación do Edificio de Correos, sito ao carón da actual estación do Ferrocarril, logo de que a Xunta de Goberno dera a súa conformidade, en decembro, ao proxecto técnico elaborado polo Servizo de Arquitectura que recollía os cambios a realizar no ámbito territorial da ficha L-m53 do Catálogo de Protección do PXOM no que, de forma errónea, se atopaba incluído o devandito inmoble.

O trámite supón avanzar na materialización, por parte do Concello, das competencias que este tiña asignadas no protocolo de colaboración que mantén coa Xunta de Galicia e o ADIF para posibilitar a construción da Estación Intermodal de Lugo. “Unha infraestrutura tan necesaria como demandada” e que a rexedora, Lara Méndez, recuperou para o debate e a acción política xa durante o pasado mandato.

Pese a que resultaba notorio que a similar catalogación dos dous inmobles obedecía a un erro, xa que entre o da Estación (anterior a 1893) e o de Correos (posterior a 1977) dista case un século, a Xunta mudou de opinión opoñéndose a acelerar a súa corrección pola vía interpretativa, inicialmente acordada, e impedindo que a emenda se alcanzara coa aprobación dun informe de interpretación de interese público. Un cambio de criterio contrario á simplificación da tramitación e que dilatou o procedemento considerablemente.

A alcaldesa explicou que, logo deste traspés e tras recibir o informe favorable do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias ao proxecto elaborado polo Concello, a modificación deberá ser validada agora polo Pleno para, a continuación, someterse a exposición pública polo prazo dun mes, período tralo cal, así como da resolución das posibles alegacións que se presenten, o expediente será remitido á Consellería de Urbanismo para que emita informe vinculante.

En caso de ser positivo, a Administración local procederá á súa aprobación definitiva coa posterior publicación do acordo no DOG e á remisión dun exemplar do PXOM coa modificación puntual xa incorporada á Consellería de Medio Ambiente para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, paso imprescindible e definitivo para darlle eficacia ao acordo.

Lara Méndez lembrou que, acolléndose ás indicacións realizadas dende Patrimonio Cultural para a redacción do proxecto, o equipo técnico revisou a contorna de protección do edificio da estación do ferrocarril e estableceu os condicionantes necesarios tanto para a salvagarda do ben protexido como da devandita contorna, sen que isto supuxera a cualificación do mesmo como ben catalogado.

“Ao tratarse dunha modificación non substancial, que non constitúe unha variación fundamental da estratexia e directrices vixentes no Plan Xeral e non produce diferenzas no efectos previstos ou na súa zona de influencia, puido acollerse á tramitación simplificada, quedando eximida do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, segundo determinou a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora lucense apelou ao cumprimento dos compromisos anunciados polos organismos públicos para materializar a dotación e quixo destacar a importancia de axilizar todo o posible o procedemento “para que Lugo poida contar o máis axiña posible cunha infraestrutura que resulta vital para incrementar a nosa competitividade e conectividade co resto do país”, concluíu Méndez.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19471311569214