O Concello lugués esixe ao Goberno central que repare e poña en funcionamento a iluminación de varios accesos á cidade

O Concello de Lugo esixe ao Goberno estatal a reparación e posta en funcionamento de diferentes puntos de iluminación situados en accesos á cidade que actualmente se atopan apagados ou presentan instalacións obsoletas.
O concelleiro Alexandre Penas indica que, segundo informes da Concellería de Infraestruturas Urbanas, "varios destes espazos constitúen puntos negros desde o punto de vista da seguridade viaria, polo que resulta necesario recuperar a iluminación para mellorar as condicións de circulación e visibilidade nestas zonas".
Neste sentido, o Concello de Lugo trasladou ao Ministerio a súa disposición para facerse cargo do gasto eléctrico e do mantemento destas instalacións unha vez que a administración estatal execute as actuacións necesarias para a súa actualización, reparación e posta en funcionamento, sempre que as intervencións se realicen conforme ás indicacións dos técnicos municipais.
Un dos casos máis demandados é o da rotonda de Nadela, que actualmente permanece sen iluminación e conta cun sistema obsoleto que require unha intervención para poder volver estar operativa. Unha vez realizados estes traballos, o Concello asumiría o custo da subministración eléctrica e o mantemento da instalación a través da Concellería de Infraestruturas Urbanas.
Penas explicou que o obxectivo do Goberno local é mellorar a seguridade nos accesos á cidade. “Desde o Concello damos un paso adiante para que estas infraestruturas conten cunha iluminación adecuada, pero entendemos que previamente o Goberno do estado debe cumprir coa súa responsabilidade de actualizar e reacondicionar as instalacións”, sinalou.
Ademais da rotonda de Nadela, o Concello tamén reclama actuacións noutras infraestruturas que presentan problemas de iluminación, como a rotonda situada pasado o Hotel Santiago, que actualmente se atopa parcialmente en funcionamento, coa maior parte das luminarias apagadas; a rotonda da Campiña, que permanece sen iluminación e precisa reparación; e o acceso á autovía do Ceao antes da incorporación á autovía, onde o sistema de iluminación require unha renovación completa.
O concelleiro incidiu en que a prioridade do Goberno local é garantir a seguridade viaria e mellorar as condicións dos accesos á cidade. “Se o Goberno estatal cumpre coa posta a punto destas instalacións, desde o Concello non teremos inconveniente en asumir o custo do consumo eléctrico e o mantemento da instalación para asegurar que permanezan operativas e en servizo da cidadanía”, concluíu.