Melloran a accesibilidade e o estado da rúa Rof Codina de Lugo con máis de 38.000 euros

O Concello de Lugo puxo en marcha os traballos de mellora da rúa Rof Codina, unha intervención longamente reclamada que suporá un desembolso de 38.039,94 euros e que ten como finalidade modernizar a infraestrutura viaria, incrementar a seguridade e facilitar a accesibilidade nesta vía, que levaba décadas sen actuacións significativas.
O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, destacou que esta obra “forma parte da nosa aposta por facer de Lugo unha cidade máis accesible, coidada e pensada para as persoas”. Subliñou tamén que “a rúa Rof Codina levaba moito tempo agardando por esta reforma que agora facemos posible”.
A intervención permitirá renovar as beirarrúas, repor o pavimento da calzada nos tramos máis danados e incorporar nova sinalización tanto horizontal como vertical para mellorar a seguridade de peóns e vehículos. Arroxo insistiu en que “non só estamos a mellorar o aspecto da cidade, senón a dar solución a necesidades reais de mobilidade”.
As obras abranguen un treito de aproximadamente 175 metros, entre a Ronda das Fontiñas e a rúa Virxe da Esperanza, e divídense en tres zonas diferenciadas. Prevese o fresado da capa actual de rodadura, a aplicación dunha nova mestura bituminosa tipo SMA, a construción dunha beirarrúa de formigón ruleteado e a mellora da sinalización en toda a zona.
Entre outras melloras, instalaranse balizas e reordenaranse os bolardos para facilitar o tránsito peonil e delimitar con maior claridade as áreas de aparcamento. Tamén se habilitará un novo paso de peóns á altura dos números 35-37, co obxectivo de mellorar a conectividade entre ambas marxes da rúa.
O prazo estimado para a finalización da obra é de oito semanas. “Estamos a levar a cabo actuacións sostibles, con materiais duradeiros e criterios técnicos rigorosos, co fin de garantir que estas melloras perduren no tempo”, concluíu Arroxo.