O Concello paraliza a rehabilitación do lavadoiro de Crecente por falta de autorización
A Policía Local comprobou durante unha inspección rutinaria que os labores, contratados pola Xunta de Galicia, se estaban a executar sen dispoñer do correspondente permiso.
O Concello de Lugo, en cumprimento da legalidade, vén de paralizar as obras de rehabilitación do lavadoiro de Crecente, na parroquia de San Pedro de Mera, ao detectar que os traballos se estaban levando a cabo sen a correspondente autorización.
O Goberno local informou hoxe de que unha inspección rutinaria realizada pola Policía Local permitiu comprobar que os labores - orzamentados en 15.690 euros e contratos pola Xunta de Galicia, tal e como confirmou a empresa adxudicataria e a cartelería instalada no lugar - se estaban executando sen o preceptivo título habilitante.
No seu informe, os axentes reflicten que no lugar atoparon varios operarios que arranxaban a cuberta da construción, de titularidade municipal, recoñecendo o propio encargado que non tiñen outorgado ningún permiso. Un extremo que se ratificou, novamente, dende a empresa onde trasladan que do único que dispoñen é dun correo electrónico coa aceptación, por parte da Xunta, do orzamento para acometer as tarefas pero sen ningún tipo de autorización que conceda acometelas.
Ante o relatado e, á espera de poder clarificar o sucedido, o Concello procedeu a paralizar temporalmente os traballos co obxectivo de velar pola legalidade dos mesmos.