O Concello pide axustes urbanísticos ao PAI do Sagrado Corazón para garantir unha integración equilibrada

O Servizo de Urbanismo do Concello de Lugo trasladou á Xunta de Galicia o informe técnico municipal sobre o proxecto do PAI do Sagrado Corazón, promovido pola administración autonómica para desenvolver o sector S-5.R con vivenda sometida a protección pública.
O Goberno local considera que ampliar a oferta de vivenda accesible encaixa plenamente co Plan Municipal de Vivenda e coa demanda existente na cidade. Porén, entende que o proxecto debe executarse cunha adecuada integración no tecido urbano e no plantexamento vixente, polo que formula diversas recomendacións técnicas.
Entre as cuestións sinaladas figura a edificabilidade prevista, que o proxecto autonómico eleva ata 1,10 m²/m² fronte ao 0,90 m²/m² recollido no Plan Xeral. Aínda que o incremento é legalmente viable, o Concello aconsella manter o parámetro actual para reducir impactos paisaxísticos e presión sobre as infraestruturas.
En canto ás zonas verdes, solicítase unha mellor xustificación da súa superficie e localización para optimizar a conexión co ámbito residencial. No apartado viario, advírtese da necesidade de reforzar accesos como a Calzada das Gándaras e a rúa Serra de Meira, actuacións vinculadas ao Plan Paradai.
O informe lembra tamén a obrigatoriedade de ceder ao patrimonio municipal os terreos destinados a sistemas xerais e pide concretar prazos e parámetros edificatorios. O Concello reafirma así a súa vontade de colaboración institucional para garantir un crecemento ordenado e sostible.