O concerto histórico de Fuxan os Ventos en Lugo xa está dispoñible en vídeo e plataformas dixitais

LugoXa
O auditorio que leva o nome do grupo acollerá proximamente unha exposición sobre os 50 anos de historia da formación
presentación-concerto-Fuxan-os-Ventos-Lugo
19 Dec 2025

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, xunto con Carme Vázquez, Xoán Fuertes e Pepe Vázquez, membros de Fuxan os Ventos, presentaron a gravación do concerto celebrado o pasado 8 de xullo. Segundo a edil de Cultura, esta iniciativa “permitiranos lembrar un día histórico para Lugo, a volta aos escenarios de Fuxan os Ventos para inaugurar o auditorio que leva o seu nome”. O vídeo poderá verse de balde a través da plataforma Vimeo e escoitarse nas principais plataformas de música dixital.

Rubén Arroxo subliñou que “poderemos volver revivir unha xornada histórica para a cidade e para Fuxan os Ventos” e agradeceu á banda a implicación para facer posible este proxecto.

Maite Ferreiro recordou que os días 5, 7 e 8 de xuño Lugo acolleu “tres concertos de luxo” que resumiron “máis de 50 anos de historia coa música de Fuxan os Ventos”. A concelleira destacou o compromiso da agrupación na realización destas actuacións e na edición do vídeo, e asegurou que como responsable de Cultura traballa para que Lugo sexa un referente da música galega.

A área de Cultura prepara ademais a exposición Fuxan os Ventos, 50 anos de historia, que se instalará no Auditorio Fuxan os Ventos. Ferreiro explicou que “nese espazo, a veciñanza de Lugo e todas as persoas que se acheguen á programación cultural poderán lembrar estas cinco décadas de historia, as vivencias da banda e tamén dos cidadáns do país”.

Carme Vázquez destacou o agradecemento ao Concello e á Deputación pola organización dos concertos e a recuperación da exposición, e explicou que a gravación busca deixar constancia das tres actuacións de xuño, “que foron para nós moi emocionantes e polas que nunca poderemos agradecer o suficiente á cidadanía de Lugo”.

Pepe Vázquez lembrou que nos 52 anos de carreira da banda pasaron 19.223 días entre o primeiro e o último concerto no auditorio lucense. O concerto incluíu 13 temas que percorren a historia da formación, empezando por pezas clásicas como o Alalá da Pena e Carolina, que forman parte dos primeiros ensaios da banda.

Fundada en 1972, Fuxan os Ventos foi unha das referencias máis importantes da música tradicional galega, cun estilo que combinou compromiso social, recuperación do patrimonio oral e unha sonoridade única. Ao longo da súa carreira lanzaron 10 álbums entre 1976 e 2009 e contaron con máis de 30 integrantes, incluíndo actuais membros como Antón Castro, Xosé Vázquez, Pedro Lucas, Xoán Fuentes Saavedra, Moncho Díaz, Carme Vázquez, Tareixa Novo, Maruxa Fociños e Alfonso Fernández, así como antigos membros destacados como Xosé Luís Rivas, Mini e Baldomero Iglesias, Mero.

O grupo mantivo sempre un alto compromiso social, transmitindo mensaxes comprometidas coas problemáticas da sociedade galega e promovendo o uso da lingua galega.

⚙ Configurar cookies
0.098881959915161