O concurso de recitado Rosalía sempre viva chega este sábado á súa final

LugoXa | TerraChaXa
A Casa-Museo Manuel María acollerá a sesión, na que participan medio cento de rapaces de toda Galicia
Recitado-de-Poesía-Rosalía-Sempre-Viva-Outeiro-de-Rei-2025
4 Mar 2026

A Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei acolle este sábado, 7 de marzo, a fase final do concurso escolar de recitado poético Rosalía sempre viva, que este ano chega á súa décima edición.

Esta iniciativa escolar, a cuxa fase final chegan máis de media centena de rapazas e rapaces procedentes de toda a xeografía galega, após unha fase previa desenvolvida nos centros educativos inscritos, está dirixida a todo o alumnado galego de ensino non universitario, desde Primaria a Bacharelato e Ciclos Formativos.

Centrada na recitación de versos da obra en galego de Rosalía de Castro ou da ampla produción poética de Manuel María, o concurso escolar, que convoca a Casa-Museo Manuel María, ten como obxectivo potenciar a expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e o recitado da poesía de dúas das voces máis importantes e populares da nosa literatura.

O alumnado participa do certame en tres categorías diferentes, a depender da súa idade: a Categoría 1ª corresponde cos cursos de 1º, 2º e 3º de primaria, a categoría 2ª con 4º, 5º e 6º de primaria e a categoría 3ª cos cursos da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos. A participación é individual.

Dado o elevado número de alumnas e alumnos concursantes, e os seus acompañantes, e a limitación dos espazos da Casa-Museo, a xornada deste sábado celebrarase en dúas quendas, de mañá e de tarde. A final para as categorías 1 e 2 comezará ás 11.30 da mañá e para a 3ª ás 16.45 horas. A entrega de premios terá lugar, a da mañá, a partir das 13 horas e a da tarde a partir das 18.10. Mentres o xurado delibera, tanto o alumnado como as familias e profesorado acompañantes poderán percorrer o interior da Casa-Museo por medio de visitas guiadas.

0.15145492553711