O Concurso de Tapas de Lugo xa ten gañadores

LugoXa
O Concurso de Tapas de Lugo xa ten gañadores os participantes dérenlle a vitoria ao Boni e o xurado técnico a Nadela
Concurso tapas portada
2 Dec 2022

O Concurso de Tapas de Lugo xa ten gañadores desta nova edición, os participantes dérenlle a vitoria á tapa A leira do mar, presentada polo Boni mentras que o xurado técnico seleccionou a tapa Canelón de polo de curral co seu zume e cogomelos de tempada de Nadela.

Así o anunciou a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo nun acto que tivo lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo e no que participaron o presidente da Apehl, Cheché Real; a concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, Maite Ferreiro; a deputada de Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto; a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo, Cristina López; o concelleiro de Mocidade e Deportes do Concello de Lugo, Mauricio Repetto, e por parte do Grupo Municipal do Partido Popular asistiron Mar Carballas e Óscar Poy, así como o delegado de Estrela Galicia en Lugo, Pedro Gai.

Real agradeceu na súa intervención a participación dos hostaleiros no Concurso de Tapas, que se organiza desde a Apehl co patrocinio do Concello de Lugo, e tamén deu grazas a toda a xente que se animou a probar as propostas que os locais ofrecían. “Estimamos que se serviron preto de 34.000 tapas, xerando un volume de negocio de máis de 230.000 euros”, indicou o presidente da Apehl.

Tamén se fixo pública a decisión do xurado técnico, dirixido por Quique Rodríguez, acompañado de Juan Pozuelo Talavera, Ricardo Fernández Guerra e Mercedes González Rodríguez. O primeiro premio foi para Nadela, pola tapa Canelón de polo de curral co seu zume e cogomelos de tempada; o segundo premio concedéuselle a Paprica, por Bonito, morrón, cebola e paixón. Que ricos de sabor!!!; o terceiro premio, ao Dotmas Bar, por OrgasmoCulinario.

A mellor maridaxe con Estrela Galicia conseguiuno Mesón O Castelo, con Bocado oriental, e a mellor maridaxe con D.Ou. Ribeira Sacra, foi para Restaurante España, con Shabu Shabu de boi. Durante o acto, tamén tivo lugar o sorteo entre todos os cupóns de votación e os folletos-pasaporte depositados nas urnas. No caso dos cupóns, os premios consistían en diferentes experiencias gastronómicas como ceas en distintos locais da cidade. Tamén se sortearon os premios dos folletos-pasaporte: unha estancia para dúas persoas en Facenda Zorita, Salamanca, e unha viaxe dunha semana de duración para dúas persoas a Budapest.

0.1656699180603