O concurso fotográfico dos Ancares Lucenses entra na súa recta final, con 1.600 euros en premios

LugoXa
O prazo para presentar imaxes ao certame polo 20 aniversario da Reserva da Biosfera remata o vindeiro luns, 30 de novembro
Foto-gañadora-Concurso-de-Fotografía-dos-Ancares-Lucenses-25
25 Nov 2026

A Deputación de Lugo lembra que o vindeiro luns, 30 de novembro, remata o prazo para participar no IX Concurso de Fotografía 20 Aniversario da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. A iniciativa busca celebrar as dúas décadas transcorridas desde que este territorio foi declarado Reserva da Biosfera pola UNESCO e poñer en valor a súa riqueza natural, cultural e etnográfica, así como as tradicións e os oficios propios da zona.

O certame repartirá 1.600 euros en premios: 800 euros para a fotografía gañadora, 500 para o segundo posto e 300 para o terceiro. As imaxes deberán amosar a singularidade deste espazo natural, que abrangue 53.664 hectáreas nos concellos de Cervantes, Navia de Suarna e parte de Becerreá.

Cada participante poderá presentar unha única fotografía, en cor ou en branco e negro, tomada dentro do ámbito da Reserva da Biosfera e que non fose premiada en edicións anteriores.

Os traballos deberán entregarse nun sobre que inclúa unha copia da fotografía en formato dixital, nun CD ou memoria USB, e outra en papel fotográfico. Tamén será necesario achegar os datos persoais da persoa participante, o título da obra e o lugar no que foi tomada.

As imaxes poderán presentarse no Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos, en Lugo, ou enviarse por correo certificado ao enderezo Praza de San Marcos, 8, 27001 Lugo. Se a solicitude se entrega nun rexistro diferente, será necesario remitir ese mesmo día un correo electrónico a medioambiente@deputacionlugo.org co xustificante do rexistro.

0.1005859375