O conselleiro de Sanidade reúnese no HULA cos profesionais da área sanitaria de Lugo

LugoXa
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, incidiu na necesidade de seguir a traballar por unha sanidade pública de calidade adaptada á realidade xeográfica e social de Galicia
reunión-conselleiro-profesionais-área-de-Lugo,-A-Mariña-e-Monforte3
Reunión do conselleiro cos profesionais da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos
21 Maio 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, incidiu na necesidade de seguir a traballar por unha sanidade pública de calidade adaptada á realidade xeográfica e social de Galicia, cunha poboación envellecida e dispersa que vai necesitar de coidados especiais.

No salón de actos do Hospital Lucus Augusti, e acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; do director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva; e do xerente, Ramón Ares, o conselleiro reuniuse cos profesionais da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, aos que lles detallou os principios reitores que rexerán a acción da Consellería “co obxectivo de acadar un sistema sanitario público forte e resolutivo”.

En primeiro lugar, o conselleiro remarcou que “Galicia conta cun sistema sanitario de moi alto nivel”, que en moitos aspectos é un modelo para outros servizos de saúde, como é no que atinxe ás políticas de vacinación ou nas estratexias de loita contra o cancro. Non obstante, o titular da carteira sanitaria “avoga por un cambio na maneira de traballar” para protexer, preservar e optimizar o sistema sanitario e, a tal efecto, a súa principal ferramenta de traballo vai ser o diálogo, co obxecto de progresar e avanzar.

Neste marco de colaboración, Gómez Caamaño cre necesario un debate real a tres bandas entre a Administración, profesionais sanitarios e poboación “para definir realmente o tipo de sanidade que queremos para o futuro”. Incidiu, ademais, na importancia de eliminar a burocracia no traballo dos médicos para centrar a atención no paciente. Tamén puxo en valor o papel que xogan os profesionais sanitarios na educación sanitaria á poboación.

O conselleiro de Sanidade incidiu na necesidade de acadar unha sanidade pública baseada nunha interacción real e eficiente entre a atención primaria e a atenciónhospitalaria, para que a continuidade asistencial deixe de ser un concepto abstracto nos plans estratéxicos e pase a ser unha realidade que incida positivamente nos pacientes. Gómez Caamaño avogou por unha sanidade pública de calidade orientada “aos resultados en saúde da poboación, que coide aos pacientes e tamén a aqueles que coidan aos doentes”.

0.18868517875671