O Consello da Cultura Galega defende a conservación de Casa Benedicto

O organismo subliña o valor histórico, arquitectónico e social do edificio situado en Navia de Suarna
Casa-Benedicto-Navia-de-Suarna
12 Feb 2026

O Consello da Cultura Galega (CCG) publicou un informe sobre Casa Benedicto, no que conclúe que o edificio debe conservarse porque "nada xustifica o seu derrubamento" e subliña que "é urxente adoptar medidas que garanten a súa preservación e posibiliten novos usos". O histórico inmoble datado entre 1925 e 1926 está situado na praza de Navia de Suarna.

O CCG destaca que Casa Benedicto posúe un "indiscutible valor urbano pola complexidade que introduciu na morfoloxía do centro da vila e pola súa presenza como elemento arquitectónico singular convertido nun fito". Tamén recalca que o valor histórico é "innegable", ao representar unha "etapa de transformación da arquitectura da vila", así como o valor arquitectónico pola "singularidade da solución das súas fachadas e do uso da galería como elemento decorativo de carácter público".

O informe pon ademais de relevo o papel social do inmoble, que inicialmente foi construído como almacén de secado e venda de froitos secos e, a partir da década de 1950, como sastrería, cuxo rótulo aínda é visible na fachada.

O organismo autonómico emitiu esta valoración tras recibir o pasado 10 de outubro a solicitude de informe por parte da asociación Patrimonio Naviego.

O Consello da Cultura Galega recomenda manter en pé Casa Benedicto, argumentando que o seu derrubo suporía a "perda da riqueza espacial e morfolóxica" da praza de A Proba de Navia. A petición incluía documentación achegada pola Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), pola Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, así como información recollida por Patrimonio Naviego e por varios veciños.

O informe servirá para coñecer a postura do CCG ante a posibilidade de demolición promovida polo Concello de Navia —titular da propiedade desde a firma en 2005 dun convenio coa Deputación para executar o derrubamento, posposto ata a actualidade— ou, en alternativa, a rehabilitación do inmoble e a súa posta en valor para dotalo de actividade.

⚙ Configurar cookies
0.091334104537964