O Consello da Xunta declara o parque eólico Arno como un proxecto de "excepcionalidade"

Pol
LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Afirma que a súa tramitación suporá uns beneficios económicos nos concellos máis próximos á infraestrutura, Castro de Rei, Pastoriza, Meira, Pol e Riotorto, de case cinco millóns de euros
Imaxe recurso de eólicos
27 Jan 2026

O Consello da Xunta aprobou este luns declarar o parque eólico Arno como proxecto cunha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, o que permitirá a súa execución fóra das áreas de desenvolvemento enerxético (ADE). Esta instalación está prevista para os concellos de Castro de Rei, Pastoriza, Meira, Pol e Riotorto.

É a terceira declaración de excepcionalidade que se realiza desde a entrada en vigor da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, máis coñecida como Lei de recursos naturais, logo das concedidas aos proxectos Greco e Baro o pasado mes de agosto.

O parque Arno, de tramitación ministerial, está promovido por Mowe Eólica 1, S.L.U. e a súa construción ten como obxectivo subministrar enerxía máis barata á planta de produción de silicio metálico de alta pureza que ten o Grupo Ferroatlántica en Sabón (A Coruña), ademais de beneficiar a veciñanza dos municipios máis próximos a esta infraestrutura renovable, os concellos lucenses de Riotorto, Pastoriza, Meira, Pol e Castro de Rei, a través dun plan de acción que inclúe medidas de apoio para o desenvolvemento socioeconómico por importe de 4.680.150€.

No marco da nova política da Administración galega que exixe que calquera proxecto, ademais de ser ambientalmente viable, deba asegurar a xeración de riqueza social e económica na zona onde se implante, os promotores do proxecto Arno subministrarán á planta coruñesa polo menos o 80 % da enerxía producida a través de contratos de compravenda (PPA) que terán unha duración mínima de 10 anos. Estímase que os aforros na factura eléctrica ao longo da vida dos contratos PPA (10 anos) superaría os 5,5 millóns de euros o que facilitaría a competitividade da planta coruñesa.

Así mesmo, e no marco do plan de medidas socioeconómicas que establece a Lei de recursos naturais de Galicia, o parque eólico de Arno incorpora un amplo abano de medidas destinadas a beneficiar os preto de 12.000 residentes dos cinco concellos nos que se vai localizar esta infraestrutura renovable. Entre elas, aforros na factura da luz e do gas tanto para a veciñanza (de ata 150 euros anuais) como para as pemes (ata un máximo de 300 euros/ano); axudas para a formación e a adquisición de libros de texto; créditos a tipo cero para emprendedores, ou axudas para os centros de maiores, instalacións municipais ou para a prevención de incendios, entre outras. Ademais, na construción do parque, o promotor deberá priorizar a contratación de man de obra local e fomentar a inserción laboral de mulleres e persoas mozas.

Nova política enerxética

Esta medida de excepcionalidade forma parte da política enerxética da Xunta que incorpora, ademais, outras como a repotenciación, que nos próximos anos permitirá reducir nun 80 % o número de aeroxeradores en Galicia, pasando de 3.000 a uns 600 muíños. Na actualidade, a Xunta está a tramitar a repotenciación de sete parques eólicos que, no caso de que finalmente sexan autorizados, permitirá eliminar 222 aeroxeradores, pasando dos 259 que teñen a día de hoxe a só 37 e, ademais, mantendo a mesma potencia (máis de 190 MW). Cómpre lembrar que entre 2024 e 2025 a Xunta aprobou a repotenciación doutros nove parques eólicos en Galicia, dos cales tres xa están nestes momentos en obras. De feito, estímase que coa execución dos sete proxectos actualmente en tramitación e dos nove autorizados, estes 16 parques pasarán de producir 1.108.000 MWh/ano a 1.495.000 MWh/ano, o que equivale ao consumo eléctrico anual de 373.750 familias (máis que as poboacións das cidades da Coruña e Santiago xuntas).

A potencia eólica instalada en Galicia é de 4.022 MW entre 194 parques en funcionamento. Porén, das 140 instalacións autorizadas e sen operar (incluídos os nove proxectos de repotenciación), un total de 92 cunha potencia de 2.512 MW están afectadas por recursos xudiciais. Esta situación ten un impacto directo nos obxectivos galegos de descarbonización, xa que só coa execución destes proxectos xudicialmente bloqueados se evitaría a emisión de case 2,5 millóns de toneladas de CO2 anuais, o que supón a cuarta parte do que Galicia debe reducir para acadar a neutralidade climática.

⚙ Configurar cookies
0.092161178588867