O Conservatorio de Danza de Lugo celebrará unha xornada de orientación académica para o seu alumnado

O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo organizará o vindeiro mércores 4 de novembro unha nova edición das súas Xornadas de Orientación Académica, dirixidas ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Grao Profesional e ás súas familias. A actividade celebrarase ás 18:00 horas na Aula Polivalente do propio centro.
A sesión contará coa participación de representantes do equipo directivo do Institut del Teatre de Barcelona, que achegarán información sobre as posibilidades de formación superior neste ámbito e as opcións académicas para continuar os estudos de danza.
Ademais, intervirán antigos alumnos e alumnas do conservatorio que actualmente están a desenvolver a súa formación superior ou as súas carreiras profesionais vinculadas á danza, tanto en diferentes puntos de España como no estranxeiro.
A xornada pretende ofrecer ao alumnado ferramentas e referencias para coñecer as distintas saídas académicas e profesionais que pode seguir unha vez rematado o Grao Profesional.