O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo estrea programación no Gustavo Freire
O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo presenta as novas actividades coas que o centro amosará o seu traballo no Gustavo Freire. Deste xeito, as distintas agrupacións actuarán no auditorio municipal para dar continuidade ás actividades que se programan anualmente a través do ciclo Lugo en Danza. Estas galas e outros eventos públicos abertos á cidadanía, que mostran a danza e as artes do movemento en diferentes formas, “teñen un enorme interese cultural e educativo para a cidade, fomentando deste xeito a difusión do coñecemento das artes do movemento", explicou a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, que presentou o programa xunto co tenente alcalde, Rubén Arroxo.
O día 19 estrearase a Xota da Romaría do Ballet Galego Rey de Viana, que se repuxo en xuño do 2023, coincidindo coa conmemoración do centenario do nacemento do seu creador. Con esta posta en escena, desde o CDAN renden unha pequena homenaxe á figura de José Manuel Rey de Viana, poñendo en valor a súa relevancia no eido da danza na Galiza. Pola súa parte, o día 20, haberá unha mostra de danza clásica a cargo das e dos estudantes do conservatorio. Toda a veciñanza de Lugo poderá asistir a estas galas protagonizadas por alumnas e alumnos do CDAN de Lugo de xeito gratuíto, retirando a entrada previamente no portal entradaslugo.es.
Desde a área de Cultura confían en que a danza ten unha importancia e relevancia, polo que son “múltiples as programacións e propostas arredor da danza que organizamos ou coas que colaboramos cada ano", engadiu Ferreiro. A concelleira quixo poñer en valor o feito de que en Lugo está “o único Conservatorio Profesional de Danza da Galiza, polo que parece axeitado seguir apostando por darlle visibilidade a un centro e ensinanzas que axudan a conseguir habilidades e capacidades artísticas e a dar a coñecer diferentes vertentes desta arte", concluíu.