O conxunto prebenxamín de Star Dance proclámase campión galego e prepara a súa participación no nacional

As cinco integrantes do conxunto prebenxamín base de ximnasia rítmica da escola lucense Star Dance veñen de proclamarse campioas galegas da súa categoría no Campionato Galego Base de Conxuntos, celebrado en Ourense durante o mes de outubro. Este resultado permitiulles conseguir a clasificación para o Campionato de España, no que serán o único conxunto prebenxamín base de toda Galicia.
Con motivo deste éxito deportivo, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, mantivo un encontro coas ximnastas e co equipo técnico na Delegación Territorial, onde as felicitou polo título autonómico e lles desexou sorte para a próxima cita nacional, que terá lugar en Cartagena entre os días 19 e 22 de novembro.
Villares animou as deportistas «a seguir traballando con ilusión e a desfrutar das experiencias únicas que estades vivindo ligadas á práctica deportiva». Tamén puxo en valor o labor da escola Star Dance, que suma cada tempada novos títulos autonómicos e nacionais en diferentes disciplinas.
O delegado destacou especialmente a contribución da entidade ao fomento da actividade física e do ocio saudable entre as novas xeracións, así como o traballo desenvolvido polas ximnastas e os seus adestradores para acadar este resultado.