O Corgo acollerá a quinta edición do Campionato Galego de Billar Feminino

O Club de Billar de Adai organiza o Campionato Galgo de Billar Feminino coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación, que celebrará a súa quinta edición entre os días 3 e 5 de abril na localidade de Santiago de Adai, no concello de O Corgo.
O torneo, que conta co apoio da institución provincial desde a súa primeira edición, contribuíu a consolidar o club corgués como un dos principais referentes do billar feminino en todo o país. Co obxectivo de seguir impulsando a presenza das mulleres neste deporte, o campionato presenta este ano unha novidade destacada coa incorporación da categoría Bola-8, que se suma ás modalidades Bola 9 e Bola 10 nas que se desenvolveu a competición nas edicións anteriores.
Desde o Club de Billar de Adai agardan unha participación situada entre as 16 e as 32 xogadoras procedentes de diferentes puntos de Galicia. As participantes competirán polas prazas en xogo —catro por cada modalidade— que darán acceso aos Campionatos de España de Billar. Esta competición estatal tamén será organizada polo club de Adai e celebrarase entre os días 21 e 24 de maio.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacou o traballo desenvolvido pola entidade deportiva e subliñou “o labor de promoción do billar feminino que vén facendo o club, que converteu Adai nun lugar de referencia a nivel estatal”. Castro encadrou ademais o apoio da institución provincial dentro da colaboración que mantén con entidades de toda a provincia para fortalecer un tecido deportivo que ofreza distintas alternativas de ocio e competición.
O campionato poderá seguirse tamén a través de internet, xa que será retransmitido en streaming na plataforma especializada en billar CueScore, ademais das contas oficiais de Facebook e Instagram do Club de Billar de Adai. A iniciativa permitirá ampliar a difusión do billar feminino galego entre a comunidade billarística e tamén entre novos públicos que seguen o deporte a través das canles dixitais.