O Centro Sociocultural do Corgo será o escenario, o vindeiro sábado 29 de marzo, dun curso no que as persoas participantes poderán aprender a construír a súa propia pandeireta.
O obradoiro, organizado pola asociación A Legua Dereita en colaboración con O Reberete, ten como obxectivo achegar a artesanía e a música tradicional galega á cidadanía.
A actividade, que se desenvolverá en dúas sesións, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, ofrece a posibilidade de elaborar este instrumento desde cero e levar para a casa unha pandeireta feita polas propias mans do alumnado. O curso ten un prezo de 40 euros para o alumnado de A Legua Dereita e 70 euros para o resto de participantes.
Desde a organización lembran que a inscrición é obrigatoria e que as prazas son limitadas, polo que animan a anotarse antes do 28 de febreiro para garantir a participación. Para iso, as persoas interesadas poden contactar a través do teléfono 659 779 462 ou das redes sociais de @leguadereita.
A iniciativa enmárcase dentro dun proxecto máis amplo de promoción da música tradicional galega, apostando pola recuperación e posta en valor dos instrumentos autóctonos.