O Corgo adhírese ao plan da Xunta para construír unha residencia de maiores con arredor de 100 prazas

LugoXa
O municipio forma parte do programa autonómico, que prevé catro centros na provincia de Lugo e máis de 1.800 prazas residenciais en Galicia, cun mínimo do 60 % de titularidade pública
apoio-PP-Concello-do-Corgo-Fabiola-sociedade-26
1 Oct 2026

O Concello do Corgo adheriuse ao programa da Xunta de Galicia para a construción de novas residencias de maiores en municipios de menos de 25.000 habitantes. O municipio é un dos seleccionados para acoller un destes centros, que contará con arredor de 100 prazas de atención e estará complementado cunha residencia de menor tamaño no Páramo.

A iniciativa forma parte do proxecto do Goberno autonómico, que contempla a creación de 24 novos centros residenciais, aos que se suma o comprometido en Ribeira. En total, as instalacións ofrecerán máis de 1.800 prazas, das cales polo menos o 60 % serán de titularidade pública. O obxectivo é achegar os servizos asistenciais á poboación maior e favorecer que poida permanecer na súa contorna habitual, evitando situacións de desarraigamento.

Na provincia de Lugo está prevista a construción de catro residencias, unha delas no Corgo. Ademais de ampliar os recursos de atención ás persoas maiores, o proxecto busca impulsar a actividade económica e o emprego no sector sociosanitario. Segundo as previsións da Xunta, o conxunto das actuacións permitirá xerar arredor de 1.000 postos de traballo directos en Galicia.

O Concello do Corgo, que xa manifestou a súa adhesión ao programa, tamén trasladou posibles localizacións para a construción do centro. Estas propostas deberán ser avaliadas para comprobar que cumpren os requisitos técnicos necesarios para levar a cabo a actuación. A Xunta comprometeuse a acompañar os municipios durante todo o proceso e a facilitar o avance dos proxectos coa maior axilidade posible.

A adhesión foi abordada nunha reunión celebrada este mércores entre a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde do Corgo, Felipe Labrada. No encontro tamén participou o delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares. A conselleira felicitou o municipio pola súa incorporación ao proxecto e agradeceu a rapidez coa que os concellos están a tramitar a súa participación.

0.12935495376587