O Corgo celebra a Mostra de Maquinaria e Mercado de Oficios do 1 ao 3 de agosto

O Corgo acollerá os días 1, 2 e 3 de agosto a Mostra de Maquinaria e Mercado de Oficios 2025, un evento organizado pola Asociación Os Cinco Ríos e que mestura tradición, artesanía, gastronomía e diversión, e que promete converter o municipio nun punto de encontro para todas as idades.
A programación comeza o venres 1 ás 22:00 horas cunha pancetada gratuíta e continúa ás 23:00 coa actuación musical do grupo Calibre. O sábado 2 a feira abrirá as súas portas ás 10:00 horas e contará coa concentración de motos ás 13:00, seguida dunha sesión vermú con Mar de Caión ás 13:30 e xantar popular ás 14:00. Pola tarde, ás 17:00, haberá xogos tradicionais con Vingolea, unha actividade aberta a todos os públicos. Ás 21:00 repartiranse pinchos gratuítos e ás 22:00 terá lugar a festa e verbena coa actuación de Mar de Caión e a disco móbil DBC.
O domingo 3 arrancará ás 10:00 coa apertura da feira. Ás 11:30 actuará un grupo rexional e ás 12:30 terá lugar a concentración de vehículos clásicos.
O pregón, que correrá a cargo de Javier Arias Fouz, será ás 12:45, e ás 13:00 ofrecerase unha degustación gratuíta de cordeiro á grella. A sesión vermú correrá a cargo de Vaivén ás 13:15, seguida do xantar ás 14:00.
Pola tarde, a partir das 16:30, os máis pequenos poderán gozar dunha festa da escuma, xogos de auga e globoflexia con Guachilandia. Ás 17:00 haberá tardeo con música de Vaivén, ás 18:00 realizaranse os sorteos e ás 20:00 clausurarase o evento.
Durante os tres días, os asistentes poderán visitar postos de artesanía, maquinaria, coches de ocasión, talladores de madeira e desfrutar de polbeiras, actuacións e moito máis.