O Corgo celebrou hoxe a tradicional Festa do Avó

LugoXa
Alfonso Villares apuntou que este concello foi un dos seleccionados para albergar un centro dotado con máis de 100 prazas
festa-do-avo-o-corgo
18 Sep 2026

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, asistiu hoxe á Festa do Avó do Corgo, onde destacou a oportunidade que suporá para este municipio acoller unha das 25 novas residencias de maiores proxectadas pola Xunta na comunidade, catro delas na provincia lucense.

Villares participou na cita xunto co alcalde do Corgo, Felipe Labrada; outros representantes institucionais e o colectivo de persoas maiores da localidade, protagonistas da xornada.

O delegado salientou que este concello é un dos seleccionados para o emprazamento dun centro con máis de 100 prazas, que se complementará con outro de menor tamaño previsto no Páramo, con 30 prazas.

Resaltou o beneficio que suporá esta iniciativa para a zona, xa que ademais de reforzar os servizos asistenciais tamén brindará novas oportunidades de emprego e dinamización económica.

Os proxectos desenvolveranse mediante a colaboración público-privada e permitirán crear máis de 1.800 novas prazas en toda Galicia, das que como mínimo o 60% serán de titularidade pública autonómica. As outras localizacións propostas na provincia son O Saviñao – para unha residencia principal - e Folgoso do Courel – onde se propón un centro de menor capacidade -.

A proposta foi aprobada o pasado luns no Consello da Xunta. Pola súa banda, os concellos teñen un mes para adherirse á iniciativa e un ano para facer efectiva a posta á disposición de terreos que cumpran cos requisitos necesarios para construír o novo recurso.

Villares subliñou o compromiso da Administración autonómica co benestar das persoas maiores e, nese sentido, apuntou outras novidades, como o incremento da achega da Xunta ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). No que respecta ao municipio do Corgo, a Consellería de Política Social e Igualdade destinará na actual lexislatura preto de 1,1 millóns de euros a financiar esta prestación de competencia municipal.

0.14597296714783