O Corgo pedirá a ADIF os terreos da antiga vía ferroviaria para crear unha Vía Verde

LugoXa
A proposta do BNG, baseada nas demandas da veciñanza de Maceda, contou co apoio unánime da Corporación e abrangue uns catro quilómetros de antigos tramos ferroviarios en desuso
BNG-O-Corgo
6 Oct 2026

O Concello do Corgo solicitará a ADIF a cesión dos terreos ocupados polos antigos tramos da vía ferroviaria que quedaron en desuso no municipio, co obxectivo de recuperalos e transformalos nunha Vía Verde. A iniciativa, presentada polo BNG a partir das demandas da veciñanza de Maceda, contou co apoio unánime da Corporación municipal.

A portavoz municipal do BNG, Pilar Bellón, valorou positivamente o acordo e destacou que permitirá avanzar na recuperación dun espazo vinculado á historia do municipio. "É unha boa noticia que exista unanimidade para avanzar na recuperación dun espazo que forma parte da historia do Corgo e que pode ter agora unha nova vida ao servizo da veciñanza", sinalou.

A proposta abrangue diferentes tramos da antiga vía que quedaron liberados de raíles e travesas tras as modificacións do trazado ferroviario. Entre eles atópase o de Maceda, cuxa veciñanza leva desde 2021 reclamando a recuperación destes terreos como Vía Verde. No conxunto do concello, os tramos en desuso sumarían arredor de catro quilómetros.

Segundo o BNG, a recuperación destes espazos permitiría crear un itinerario seguro e saudable para camiñar, practicar deporte e desfrutar da contorna, ademais de evitar que a maleza e o abandono continúen deteriorando estes terreos.

Bellón tamén destacou a oportunidade de incorporar ao percorrido paneis informativos sobre a historia ferroviaria do Corgo, lembrando a importancia que tivo o tren para a vida económica e social do municipio desde a posta en marcha do tramo Lugo-Sarria en 1878.

"Queremos transformar un espazo abandonado nun recurso para a veciñanza, recuperar patrimonio e manter viva a memoria do que significou o ferrocarril para O Corgo", concluíu Pilar Bellón.

Co acordo unánime do Pleno, o Concello deberá agora dirixirse a ADIF para solicitar a cesión destes terreos e avanzar na creación da futura Vía Verde do Corgo.

0.14250516891479