O Corgo publica a obra Toponimia do concello do Corgo

LugoXa
O Corgo, para celebrar o Día de Galicia, publica un traballo clásico de referencia e de especial interese Toponimia do concello do Corgo
libro tiponimia do concello do corgo
28 Xul 2021

O Corgo, para celebrar o Día de Galicia deste ano 2021, publica un traballo clásico de referencia e de especial interese Toponimia do concello do Corgo, da autoría do esgrevio investigador Nicandro Ares Vázquez (1926-2017).

A través do Proxecto Corgoral, publícase esta obra destacando un aspecto do Patrimonio Cultural Inmaterial corgués, que é o de todo aquilo que se refire á lingua propia do Corgo ou vernácula. E dentro das expresións lingüísticas, o estudo dos nomes de lugar ou topónimos ocupa un lugar senlleiro.

Nesta obra poderase coñecer cales son as orixes e os significados dos topónimos corgueses que aparecen recollidos no Nomenclátor oficial, vixente desde o ano 2000. Nomes tan aparentemente difíciles de entender, como poden ser Abragán, Bergazo, Chamoso ou Laxosa teñen nestas páxinas a súa cumprida e pertinente explicación etimolóxica.

Dende o Proxecto Corgoral ofrecen esta significativa achega para poder coñecer mellor o concello, a cultura e o patrimonio inmaterial. Todas as persoas interesadas neste traballo poden descargar de balde o PDF na páxina web municipal, solicitar a versión impresa enviando un correo a proxecto.corgoral@gmail.com ou poñéndose directamente en contacto co teléfono 676 862 924.

0.17457604408264