O Coro Xuvenil de Lugo acada o primeiro premio no I Certame Coral Galego da FECOGA

O Coro Xuvenil de Lugo conseguiu o primeiro premio na Sección II do I Certame Coral Galego organizado pola Federación Coral Galega (FECOGA), nun evento celebrado este venres na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. A agrupación apostou por un repertorio integramente en lingua galega, reivindicando a tradición musical propia e destacando a importancia da identidade cultural do país.
Desde a dirección do coro, que encabeza Pablo Rico —tamén presidente de FECOGA—, fixéronse extensivas as felicitacións ao resto das formacións participantes e, en especial, aos gañadores das diferentes categorías. “É un pracer compartir escenario con tanto talento galego”, sinalaron, subliñando o orgullo que supón representar a Lugo nun certame de prestixio e volver á casa coa máxima distinción.
Neste encontro coral tamén destacou o Orfeón Xoán Montes, igualmente dirixido por Pablo Rico, que foi recoñecido co Premio Castelao ao repertorio 100% en galego. A agrupación compartiu escenario con outras oito corais de gran nivel, nunha edición que puxo en valor a calidade interpretativa e o compromiso coa cultura musical galega.