O coworking da Mariña mantén de xeito telemático a formación
A quinta edición do espazo coworking da Mariña lucense, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), continúa a desenvolver a súa actividade no actual contexto de confinamento activado pola emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19. Así, as 19 iniciativas de emprendemento que se están a acelerar para a súa próxima posta en marcha continúan a recibir formación, asesoramento e titoría á medida das súas necesidades de xeito telemático.
Na edición actual da aceleradora con sede en Mondoñedo, que comezou o pasado mes de febreiro, participan 22 emprendedores -14 mulleres e 8 homes- con novas iniciativas empresariais que se centran nas novas tecnoloxías, o benestar ou a alimentación. Así, estanse a desenvolver iniciativas en torno ao márketing, o deseño gráfico e de mobles, a impresión, o turismo rural, unha plataforma de reservas, o agroalimentario (especias, fabas e conservas vexetais) e o comercio (lavanderías e comercio local).
Nas catro edicións anteriores deste espazo coworking recibiron formación e asesoramento un total de 90 emprendedores para desenvolver 82 iniciativas empresariais, das que 38 están xa en funcionamento, con 107 postos de traballo asociados.
O resto de espazos da rede impulsada pola Xunta, que nesta edición conta con tres novas aceleradoras, tamén continúa as súas actividades de xeito telemático. Os novos espazos abertos nesta convocatoria son o do Ribeiro, situado no concello ourensán de Cenlle, que promove a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular; a aceleradora de Palas de Rei (Lugo), que se centra no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea; e o espazo do Morrazo, que iniciou a súa primeira edición na sede de Moaña o pasado 26 de febreiro.
Estas novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Costa da Morte (con sede en Cabana de Bergantiños); Terras da Limia (Celanova); Ferrolterra (Ferrol); Santiago de Compostela; a Ribeira Sacra (con sede en Monforte de Lemos), O Salnés (Vilanova de Arousa); ademais de na Mariña luguesa (en Mondoñedo).
A rede de espazos coworking promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica e que leva impulsados máis de 1000 iniciativas de emprendemento. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.