O CSIF reclama ao Concello de Lugo a implantación inmediata da xubilación parcial para o persoal laboral

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) reclamou ao Concello de Lugo que implante sen máis demora a xubilación parcial para o persoal laboral, tras a entrada en vigor da nova normativa estatal que permite aplicar esta modalidade nas administracións públicas mediante contrato de substitución.
O sindicato considera que, unha vez eliminados os impedimentos legais existentes ata o de agora, é o momento de facer efectiva esta medida tamén no Concello de Lugo e garantir que o persoal laboral que cumpra os requisitos establecidos poida exercer este dereito.
Entre as súas demandas, CSIF solicita a negociación dun acordo que regule o procedemento para acceder á xubilación parcial, así como a planificación das xubilacións e dos contratos de substitución que sexan necesarios. Ademais, reclama que as prazas correspondentes se incorporen á planificación dos recursos humanos da administración local para asegurar a correcta cobertura dos postos.
A organización sindical defende que a xubilación parcial contribúe a favorecer a remuda xeracional e facilita unha mellor planificación dos cadros de persoal, polo que considera necesaria a súa aplicación inmediata.
Así mesmo, CSIF avanzou que continuará reivindicando a extensión desta modalidade de xubilación ao persoal funcionario e estatutario.