O CV Emevé suma altura e xuventude co fichaxe do central soriano Moisés Rodrigo

LugoXa
O xogador, de 20 anos e 2,05 metros, chega a Lugo tras dúas tempadas na estrutura do Grupo Herce Soria
MOISES-RODRIGO
1 Sep 2026

De cara á tempada 2026/27, o Arenal Emevé continúa dando forma ao seu novo proxecto coa incorporación de Moisés Rodrigo, un central soriano de 20 anos que chega a Lugo para reforzar o centro da rede. O novo xogador, de 2,05 metros de altura, afronta así unha nova etapa na súa progresión despois de dúas campañas vinculado ao Grupo Herce Soria.

Rodrigo encaixa na aposta do conxunto lucense por incorporar xogadores novos e con capacidade de evolución. O técnico José Valle destaca as condicións físicas do central e o nivel de formación que acumula tras pasar polas categorías de base e por unha estrutura consolidada do voleibol español.

"Moisés é un central novo, con moi boas condicións físicas e que vén de traballar durante dous anos nunha estrutura de moito nivel. Agora necesita competir, sumar experiencia e dar un paso adiante, e esperamos que poida achegarnos moito durante a tempada", sinala Valle.

Nado o 5 de abril de 2006, o xogador iniciou unha parte importante da súa formación na Concentración Permanente da Federación Española de Voleibol en Palencia. Durante as tempadas 2022/23 e 2023/24 formou parte deste programa, unha etapa na que continuou coa súa evolución e tivo tamén a oportunidade de debutar na Superliga 2.

O seu progreso levouno posteriormente ao Grupo Herce Soria, onde militou nas dúas últimas tempadas. Alí estivo integrado na dinámica do primeiro equipo e, ao mesmo tempo, contou con competición co filial, nunha estrutura habituada a disputar as principais competicións do voleibol español.

Durante a súa etapa en Soria, Rodrigo puido convivir cun equipo presente na Superliga, na Copa do Rei e na Supercopa de España, ademais de participar en competicións europeas como a Challenge Cup e a CEV Cup. Esta experiencia permitiulle adestrar nun contexto de alta esixencia e continuar mellorando as súas condicións como central.

Agora, o seu paso polo Arenal Emevé supón un novo reto. O obxectivo será converter a experiencia acumulada nos últimos anos nun maior protagonismo sobre a pista, con máis continuidade competitiva e minutos ao longo da tempada.

A súa chegada permitirá tamén ao equipo lucense aumentar as opcións nunha posición especialmente relevante. O Arenal Emevé contará este curso con tres centrais, fronte aos dous da pasada campaña, unha situación que, segundo Valle, debe favorecer a competencia interna.

"O ano pasado tivemos unicamente dous e esta tempada queriamos ter tres xogadores nesa posición. Será importante que haxa competencia entre eles e que entre os tres consigamos ter ben cuberta unha zona da pista que vai ser moi importante para nós", explica o adestrador.

Con esta incorporación, o Arenal Emevé engade centímetros, xuventude e potencial ao seu cadro masculino para a tempada 2026/27, mentres Moisés Rodrigo busca en Lugo o escenario no que dar o seguinte paso na súa carreira deportiva.

0.16030788421631