O deputado de Recursos Sostibles clausura na Fonsagrada un encontro sobre o turismo en espazos protexidos
O deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, clausurou este xoves na casa da cultura dos Chaos, na Fonsagrada, o encontro profesional sobre Desenvolvemento Turístico en Espazos Rurais e Protexidos, organizado polo GDR Montes e Vales Orientais e o Xeodestino Ancares e Terras de Burón
Fernández Rico destacou a importancia do turismo como factor de desenvolvemento para o rural, “algo que durante moito tempo nos espazos protexidos se considerou unha ameaza”. “Por sorte, temos aprendido e cambiado moito nestes anos e, como quedou claro ao longo destas xornadas, non só é posible, senón tamén desexable e moi positivo, impulsar modelos turísticos para o rural e para os entornos protexidos”, asegurou.
“Dende a Deputación de Lugo defendemos un turismo de calidade, desestacionalizado e que deixa riqueza no rural”, explicou o deputado, que estivo acompañado no acto polo presidente do GDR e alcalde da Fonsagrada, Carlos López, e o subdirector de Relacións cos Grupos do
Desenvolvemento Rural, Moisés Blanco Paradelo.
“Estas xornadas demostran que temos por diante moitos retos, pero tamén moitas oportunidades e que, canto máis investimento fagamos na conservación e na posta en valor do noso medio ambiente, máis retorno seremos capaces de xerar en forma de riqueza, emprego de calidade e desenvolvemento para un mundo rural que se está convertendo xa nun dos grandes destinos turísticos do noso tempo”, afirmou Roberto Fernández Rico.
No marco do encontro profesional sobre Desenvolvemento Turístico en Espazos Rurais e Protexidos, este xoves tiveron lugar dúas mesas redondas sobre Territorio e Desenvolvemento Integral e Turismo e Sostibilidade en Espazos Naturais Protexidos. Ademais, os participantes puideron coñecer espazos naturais e patrimoniais, así como proxectos desenvolvidos na zona no ámbito turístico. Na primeira xornada, que tivo lugar o mércores no concello de Navia de Suarna, celebráronse mesas redondas sobre ecoturismo e analizáronse o ecoturismo, Experiencias Alternativas no Rural e a Cultura Local, Rutas e Vilas Históricas, Elementos de Desenvolvemento.